A Policía Autonómica levanta 11 denuncias en Pontevedra por infrinxir a normativa relacionada coa covid-19

Entre as sancións tramitadas polos axentes nun dos operativos, destaca o incumprimento do toque de queda dunha persoa que se facía pasar por un empregado dunha empresa de reparto de comida a domicilio

A Policía Autonómica tamén sancionou neste dispositivo a 2 persoas procedentes de Asturias que se saltaron o peche perimetral para acudir ao aniversario dun amigo na cidade pontevedresa

O dispositivo enmárcase no plan de actuacións da Policía Autonómica destinado á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas de prevención adoptadas ante a covid-19

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

Axentes da Policía Autonómica levantaron 11 actas de infracción no concello de Pontevedra por infrinxir a normativa relacionada coa covid-19.
Axentes da Xefatura da Pontevedra levaron a cabo un operativo na noite do sábado da fin de semana pasada no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes para frear o avance da covid-19. O dispositivo deu como resultado a tramitación de 11 denuncias.

Entre as denuncias tramitadas neste operativo destaca un caso por incumprir o toque de queda, coa identificación dunha persoa ás 01.30 horas que se facía pasar por un empregado dunha empresa de reparto de comida a domicilio con sede na cidade e mesmo portando unha mochila-neveira que lle facilitara un amigo. A mochila quedou comisada nas dependencias da Policía Autonómica de Pontevedra á espera de que se faga cargo a empresa propietaria.

Os axentes tamén identificaron dúas persoas procedentes de Asturias que saltaron o peche perimetral ao trasladarse a Pontevedra para acudir ao aniversario dun amigo e tamén o toque de queda ao ser identificados ás 00.30 horas, así como a obriga de comunicar ás autoridades sanitarias a súa entrada en Galicia.

Durante os operativos ao abeiro deste plan, os axentes controlan que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se cumpran as normas aprobadas para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón. Estes dispositivos enmárcanse ademais no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.

Imaxes relacionadas