A Xunta aborda con Empresarias Galicia as prioridades para a igualdade laboral: emprendemento, liderado e conciliación

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro por videoconferencia desde Santiago de Compostela coa directiva da asociación Empresarias Galicia na que abordaron medidas a prol da igualdade laboral de mulleres e homes, e puxeron énfase na conciliación e na iniciativa emprendedora feminina.

Tal e como lembrou López Abella, un dos obxectivos estratéxicos do Goberno galego pasa por fomentar a participación das mulleres en condicións de igualdade en todas as esferas da sociedade e incrementar a súa presenza nos ámbitos de decisión e influencia das estruturas sociais, políticas, económicas e profesionais, á vez que se potencia o seu liderado. Iniciativas como o Congreso Acción e Implicación, cuxa quinta edición prevé celebrar a asociación Empresarias Galicia en outubro tal e como anunciaron hoxe, constitúen para a secretaria xeral unha oportunidade para avanzar neste obxectivo.

A secretaria xeral da Igualdade trasladou á Asociación Empresarias Galicia que o crecemento intelixente e sustentable que o Goberno galego está a buscar para Galicia precisa do potencial de todas e de todos e amosou o seu convencemento de que as mulleres suman talento e abren camiño. Nesta liña, comprometeuse a seguir a traballar no fomento da creación de postos de traballo para a poboación feminina, favorecendo o emprendemento desde a innovación; así como a incidir na conciliación e corresponsabilidade que o Goberno marca como prioridade na súa axenda a prol da igualdade laboral.
 

Imaxes relacionadas