O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde melidense, José Manuel Pérez, asistiron hoxe á posta en marcha do servizo

O programa Xantar na casa da Xunta comeza a funcionar en Melide

Inicia a súa actividade con seis persoas usuarias, podéndose ampliar ata un máximo de dez

Xa son 185 os concellos galegos adheridos a este plan, que permite repartir arredor de 45.200 comidas a domicilio cada mes por toda a comunidade
 

Melide (A Coruña), 11 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia segue a aumentar o número de persoas usuarias do programa Xantar na casa coa súa entrada en servizo en Melide. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde deste municipio coruñés, José Manuel Pérez, asistiron hoxe á posta en funcionamento desta iniciativa, da que se benefician seis veciñas e veciños melidenses.

Perfecto Rodríguez destacou que a través do Xantar na casa achégase aos domicilios unha dieta equilibrada, de calidade e axustada ás necesidades de cada persoa usuaria. Así mesmo, apuntou que este programa se desenvolve en coordinación cos servizos sociais municipais, o que permite realizar un labor de prevención e vixilancia da situación destas persoas, posto que o reparto de comidas supón manter con elas un contacto regular.

Esta mesma semana comezou a distribución de comidas nas vivendas das seis persoas de Melide que actualmente son usuarias deste servizo, ampliable ata un máximo de dez, segundo o convenio de colaboración subscrito entre a Administración autonómica e a local. O prezo de cada menú diario é de 6,60 euros, dos que a Xunta achega 3,08; o Concello, 1,76; e a persoa usuaria, outros 1,76 euros.

Máis de 1.600 beneficiarios

O programa Xantar na casa chega, a día de hoxe, a máis de 1600 persoas de 185 concellos; e a través deste servizo repártense máis de 45.200 comidas cada mes. O Goberno galego inviste arredor de 2,3 millóns de euros anuais nesta iniciativa.

Imaxes relacionadas