Gonzalo Trenor celebra o cambio de postura de Ábalos co acceso ferroviario ao Porto Exterior tras o encontro con Núñez Feijóo

O delegado da Xunta comparou o compromiso adquirido onte co Presidente da Xunta coa postura dos representantes do Goberno central no Concello que chegaron a cuestionar a viabilidade de Punta Langosteira

A Coruña, 11 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, celebrou esta mañá a boa noticia do cambio de postura do ministro de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, tras o encontro que mantivo co Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo con respecto ao acceso ferroviario a Punta Langosteira.

O representante do Goberno galego, en declaracións a unha emisora de radio, recalcou que o compromiso adquirido polo ministro supón un importante cambio na posición do Goberno do Estado con respecto á reunión que tivo lugar hai unha semanas no Concello. “Este encontro foi un fracaso porque non concretaron ningún acordo co acceso ferroviario e puxeron incluso en dúbida a súa necesidade”.

Trenor comparou o compromiso adquirido onte co Presidente da Xunta coa postura dos representantes do Goberno central no Concello que chegaron a cuestionar a viabilidade do porto e esixiron un novo estudo previo antes de falar do proxecto do acceso ferroviario a Punta Langosteira. “Nese encontro a Xunta de Galicia estivo soa defendendo os intereses da cidade”, engadiu.

Para Gonzalo Trenor foi un gran éxito do Presidente galego porque conseguiu que José Luis Ábalos cambiase de postura con respecto á que se plantexou fai unhas semanas no Concello da Coruña. Ademais, puxo en valor que xa quedase pechada unha segunda reunión, a principios de abril, para facer un seguimento destes compromisos, “porque o que realmente importa son os feitos, os orzamentos e planificación da obra e estamos convencidos que nesta segunda ocasión despexaranse todas as dúbidas para pasar das declaracións aos feitos concretos”, engadiu.

O delegado da Xunta referiuse tamén a outros dos acordos alcanzados onte foi que os 50 millóns de euros reservados nos orzamentos do Estado para a rebaixa das peaxes na AP-9 se executen no segundo semestre do ano. Trenor lamentou que “esta medida non se aplique antes porque cada semana que pasa os galegos pagamos de máis un millón de euros nestas peaxes que non teriamos que pagar” pero calificou de “moi positivo” que se chegase a un consenso para que o Goberno central e a Xunta de Galicia deseñen conxuntamente as bonificacións das peaxes da AP-9.