Política Social integra a 40 persoas con discapacidade e necesidades de apoio nos ámbitos laboral e social no Centro de Formación Ocupacional do Saiar

Este servizo, que conta con xestión pública autonómica, foi visitado polo delegado territorial da Xunta, Luis López, quen destacou o seu labor “para favorecer a inserción global na sociedade deste colectivo vulnerable”

Esta iniciativa, emprazada en Caldas de Reis, ten completas todas as súas prazas e leva seis meses de actividade ininterrompida, desde comezos de setembro, tras o peche obrigado polas restricións sanitarias fronte á covid-19

Caldas de Reis, 10 de marzo de 2021

A Consellería de Política Social está a integrar a 40 persoas con discapacidade intelectual ou que precisan de necesidades de apoio, xerais ou intermitentes, nos ámbitos laboral e social no Centro de Formación Ocupacional do Saiar, en Caldas de Reis, que neste momento ten completas todas as prazas ofertadas.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, visitou esta mañá, acompañado polo alcalde, Juan Manuel Rey, este servizo, un dos que conta con xestión públcia autonómica na provincia de Pontevedra.

“Dende o Goberno galego estamos a volcarnos na área de atención social, realizando un especial esforzo para dar resposta ás necesidades que xera a pandemia. Esta resposta nace dunha política transversal que abrangue desde a conciliación e o servizo no fogar, ata a atención a maiores e dependentes ou a inserción das persoas con discapacidade, que en todos os casos teñen reforzadas as súas partidas económicas para dar cobertura a todo aquelo que mellora a súa calidade de vida e o seu benestar”, detallou o representante autonómico.

Un labor fundamental

Ademais, tras coñecer as instalacións, o funcionamento e o programa deste centro do Saiar, Luis López puxo en valor o seu labor, “que estimamos fundamental para favorecer a súa inserción global, tanto á hora de aprender un traballo e poder chegar ao mercado como no ámbito social, xa que se trata dun colectivo vulnerable que precisa deste apoio”.

O Centro de Formación Ocupacional do Saiar ten, ademais, un completo cadro de persoal, xa que os seus 40 usuarios están atendidos por 15 profesionais, entre os que figuran a directora, Pilar Montaña Couto, que tamén estivo presente na visita, tres monitores ocupacionais, unha educadora, un mestre de taller, unha psicóloga, tres camareiras-limpadoras, dous coidadores e dous oficiais de primeira de cociña.

“Temos unha ratio dun profesional por cada 2,5 usuarios, o cal é un parámetro elevado que revela ben ás claras o compromiso da Xunta por atender, do mellor xeito posible, a todas as persoas en situación de vulnerabilidade ou en risco de exclusión. Este é o caso dos 40 usuarios do Saiar, cos que traballamos todos os días para ofrecerlle a máxima calidade de vida nun clima de integración sociolaboral”, engadeu o delegado.

Finalmente, o centro vén de cumprir a pasada semana un semestre de funcionamento de xeito ininterrompido desde a súa reapertura o pasado 3 de setembro, xa que previamente estivo pechado debido ao decreto do primeiro Estado de Alarma. As medidas de seguridade sanitaria aplicadas buscaban protexer a saúde dos participantes e do persoal. En todo este tempo, O Saiar, que ten un estrito protocolo de prevención, non contabilizou ningún caso positivo por covid-19.

Imaxes relacionadas