A conselleira Ángeles Vázquez compareceu esta tarde no Pleno do Parlamento

A Xunta subliña que as Directrices da Paisaxe serán o referente do Plan estratéxico galego nesta materia nos vindeiros anos

Ángeles Vázquez recorda que o Plan estratéxico da paisaxe galega prevé un orzamento de máis de 40 M€ para actuacións, medidas e programas, como as novas axudas para controlar o feísmo, que se convocarán este mesmo mes

Salienta que o actual ano será o da aplicación das Directrices da Paisaxe, para o que é necesaria a colaboración e apoio das entidades locais

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta tarde que as Directrices da Paisaxe serán o marco de referencia para o Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará as accións do departamento que dirixe para os vindeiros catro anos.

Ángeles Vázquez, que interviu esta tarde no Pleno do Parlamento, lembrou o traballo realizado nos últimos dez anos polo Goberno galego, que quere lograr “o grao da excelencia”; por iso, o Plan estratéxico prevé un investimento de máis de 40 millóns de euros para o desenvolvemento de actuacións, medidas e programas coas que mellorar a calidade das paisaxes de Galicia, desde as contornas residenciais ata os espazos naturais máis senlleiros, sen esquecer as paisaxes agrarias e litorais.

Destacou que unha das iniciativas máis destacadas é a posta en marcha dun plan para control e eliminación do feísmo en Galicia, con axudas a particulares para a eliminación e corrección de impactos paisaxísticos, cuxa primeira convocatoria se fará este mes de marzo.

A conselleira de Medio Ambiente manifestou que o presente ano será o exercicio de aplicación das Directrices da Paisaxe, para o que se deberá contar coa colaboración e apoio das entidades locais, tal e como se lles está a trasladar nos encontros cos concellos para que coñezan a aplicación e as implicacións desta ferramenta a nivel municipal.

Recordou que as Directrices da Paisaxe deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo no territorio da comunidade e en todas as súas fases; e non implicarán un custe económico para o cidadán que -pola contra- obterá o beneficio de ver como os proxectos e iniciativas que se desenvolven na súa contorna engaden valor paisaxístico.

Imaxes relacionadas