A Xunta apoia un ano máis os Premios Mestre Mateo a prol da proxección da industria do cinema e a televisión

A Academia Galega do Audiovisual, organizadora dos galardóns, deu a coñecer hoxe na Coruña as candidaturas finalistas desta 19ª edición

A Coruña, 10 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia suma un ano máis o seu apoio aos Premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual (AGA) e que chegan á súa 19ª edición. A través da súa implicación, o Goberno galego quere reforzar a proxección da industria do cinema e a televisión, así como darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polo audiovisual galego nun ano especialmente difícil para a cultura por mor das restricións derivadas da covid-19.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe no acto de presentación da cerimonia de entrega e anuncio dos finalistas, desenvolvido na Coruña coa intervencións dos representantes das demais entidades e institucións colaboradoras. Segundo sinalou, o apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade aos galardóns responde ao “convencemento de que o incentivo e o estímulo profesional contribúen a un mellor desenvolvemento da creatividade e a unha maior visibilidade dos nosos filmes, dos seus artífices e dos seus protagonistas”.

O responsable de Industrias Culturais da Xunta agradeceu o esforzo feito polo sector para seguir cara adiante adiante malia a situación vivida pola pandemia e destacou o éxito acadado por diferentes películas e series de factura galega. Moitas delas anunciáronse hoxe entre as finalistas dos Premios Mestre Mateo 2021, como Ons, A illa das mentiras, Arima, Lúa vermella, 9 Fugas, El desorden que dejas, Néboa, O sabor das margaridas ou Auga Seca.

Referiuse tamén á capacidade de adaptación a novas realidades que demostraron nestes meses tanto os profesionais como as administracións que os apoian. Neste sentido, salientou o Plan de reactivación cultural deseñado pola Xunta a partir da permanente escoita ás demandas do sector, o que permitiu reformular prazos, condicións e requirimentos das principais liñas de subvención para facilitar a continuidade dos proxectos e das contratacións.

Ademais, para Jacobo Sutil, a boa resposta que está a dar o público ante a reapertura das salas de exhibición proba que os XIX Premios Mestre Mateo chegan “no momento máis oportuno, no de posta en marcha de toda a engrenaxe que nos pode guiar a un futuro en positivo”.

Cerimonia de entrega

Os Premios Mestre Mateo 2021, aos que se presentaron 146 obras e 424 candidaturas profesionais, entregaranse o 10 de abril no Teatro Colón da Coruña co recoñecemento a 25 categorías, das que nove son de produción e 16, profesionais. A gala, que seguirá estritamente todos os protocolos sanitarios, será dirixida polo actor e director teatral Tito Asorey e presentada pola humorista Lucía Veiga.

Imaxes relacionadas