A conselleira de Política Social respondeu hoxe no Parlamento a unha interpelación sobre as persoas maiores que viven soas

Fabiola García anuncia que nos vindeiros días presentarase a Estratexia galega de atención á soidade non desexada

É unha iniciativa pioneira a nivel estatal, que conta coa colaboración da Fegamp e das entidades máis representativas que traballan no ámbito das persoas de máis idade na comunidade

Procura minimizar os efectos da soidade sobre os nosos maiores e deseñar actuacións específicas que melloren a súa calidade de vida

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou hoxe no Parlamento que a Xunta de Galicia presentará nos vindeiros días a Estratexia galega de atención á soidade non desexada, unha iniciativa pioneira a nivel estatal que procura minimizar os efectos deste fenómeno e mellorar a calidade de vida das persoas de máis idade da nosa comunidade.

Fabiola García explicou que esta estratexia nace coa finalidade de ser participativa e de contar cun amplo consenso social, xa que Galicia será a primeira comunidade en desenvolver un plan neste eido. Neste sentido, recordou que o proxecto conta coa colaboración da Fegamp e das entidades máis representativas que traballan no ámbito das persoas maiores.

O plan da Xunta de Galicia oriéntase en cinco liñas estratéxicas: a prevención, co impulso de actividades que favorezan as relacións sociais; a detección, a través da implicación de toda a sociedade; a intervención, coa posta en marcha de actuacións que atallen situacións de soidade non desexada; a visibilización, para dar a coñecer o problema; e a cooperación entre as administracións, as entidades sociais e o tecido empresarial.

Escoller onde facerse maior

A conselleira de Política Social salientou que o Goberno galego xa ten en marcha e a disposición das persoas de máis idade alternativas para que escollan libremente onde queren facerse maiores. Neste sentido, puxo en valor iniciativas que promoven o envellecemento activo como Voluntariado Sénior, o programa de balnearios e talasos ou Xuntos polo Nadal.

Tamén resaltou medidas que achegan servizos que os axudan no día a día como Xantar na casa, con máis de 1.600 beneficiarios; o Servizo de Axuda no Fogar, no que a Xunta investirá 83,6 millóns de euros este ano; a teleasistencia, que presta servizo a 6.8000 persoas en Galicia; ou as casas do maior, pequenos centros de día gratuítos no rural galego.

Imaxes relacionadas