Medio Ambiente anima aos colexios de toda Galicia a sumarse ao Proxecto Terra para formar aos nenos e nenas no coidado do territorio

A segunda edición da actividade ‘Eu son inspector urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu’ achegará ao alumnado de Primaria e Secundaria ao coñecemento do medio e da contorna a través de actividades de carácter lúdico e didáctico

A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia colaboran no desenvolvemento desta iniciativa, aberta á inscrición de todos os centros educativos ata o próximo 15 de marzo

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) porán en marcha nas próximas semanas en centros educativos galegos unha nova edición da actividade lúdico-educativa Eu son inspector@ urbanístic@. Coida do territorio. Coida do teu, que se enmarca no chamado Proxecto Terra e, ao igual que este, ten como obxectivo educar e xerar espírito crítico entre o alumnado galego en relación coa arquitectura e a paisaxe.

Dirixida a escolares de Educación Primaria e de Secundaria, a iniciativa foi posta en marcha o ano pasado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) en colaboración co COAG para sensibilizar, concienciar, divulgar e formar aos nenos e nenas da Comunidade en relación co medio e a necesidade dunha intervención ordenada no territorio.

Na súa primeira edición, participaron unha trintena de centros educativos das catro provincias. Este ano, a actividade volve abrirse a todos os centros educativos de Galicia, que poden solicitar a súa participación ata o vindeiro 15 de marzo cubrindo o seguinte formulario.

A través de material didáctico deseñado especificamente para os máis cativos, o alumnado dos colexios inscritos traballará na aula de forma creativa e divertida a complexidade do territorio e da paisaxe, analizando os elementos que a compoñen e que conforman o territorio, afondando en conceptos como a paisaxe, o patrimonio construído, as infraestruturas, o cambio climático, a pegada ecolóxica ou as actividades e construcións sobre o territorio, aprendizaxe que constitúe un elo fundamental para que as sociedades realicen un uso sustentable e responsable da contorna.

A actividade proposta, adaptada aos niveis de primaria e secundaria, implementarase en sesións de carácter teórico-práctico, empregando as ferramentas dixitais con materiais específicos facilitados a través da aula Moodle.

20 anos de ‘Proxecto Terra’

A actividade proposta dá continuidade ás accións desenvolvidas nas últimas dúas décadas no marco do Proxecto Terra para dar a coñecer no eido educativo aspectos relacionados coa arquitectura, o territorio e a paisaxe. Cómpre lembrar que esta iniciativa nace no ano 2000 baixo a tutela do Colexio de Arquitectos de Galicia, co cofinanciamento da Xunta e da APLU e a colaboración doutros organismos, tanto de carácter público como privado.

A conmemoración dos 20 anos do Proxecto Terra, que a covid obrigou a pospoñer en 2020, celebrarase ao longo dos vindeiros meses coa programación de diversos actos e actividades. Entre os eventos previstos, cómpre subliñar a exposición 20 anos de Proxecto Terra que terá lugar no mes de abril na Cidade da Cultura, en Santiago, a través da cal os visitantes poderán desfrutar dunha ampla mostra dos diferentes traballos realizados polos centro educativos ao longo da vida do proxecto.