A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta mañá un dos centros que están en funcionamento no concello de Frades

A Xunta de Galicia publica mañá a orde de axudas para crear novas casas niño, que busca dotar deste servizo a preto dun centenar de concellos

A convocatoria deste ano estará dotada de 1,6 millóns de euros e permitirá a apertura de 20 novos centros

Frades (A Coruña), 10 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou que a Xunta de Galicia publicará mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova orde de casas niño para chegar a preto dun centenar de concellos con este servizo de conciliación. Durante a visita que realizou esta mañá ao centro Xoaniña, situado no concello de Frades, o primeiro que entrou en funcionamento na provincia da Coruña, a responsable do departamento autonómico estivo acompañada do alcalde da localidade, Roberto Rey.

Trátase da sexta convocatoria de casas niño que o Goberno galego impulsa desde o ano 2016, cando se crearon estas pequenas escolas infantís, totalmente gratuítas para as familias, en pequenos concellos do rural. A conselleira lembrou que actualmente hai 77 casas niño en Galicia que prestan un servizo útil para os cidadáns, ao adaptarse ás características do rural galego.

Esta convocatoria estará dotada con 1,6 millóns de euros, e prevé axudas tanto para o funcionamento de cada centro, ao que se destinarán 19.600 euros anuais, como para a adecuación das instalacións nas que se van situar, para o que cada casa recibe 15.000 euros.

Imaxes relacionadas