Fernández-Tapias chama a reorientar a formación e adaptarse aos novos perfís profesionais que demandan as empresas

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou o CIFP de Coia no que se imparten 15 especialidades de formación profesional non regrada e dous ciclos superiores; de Mecatrónica Industrial e Automatización e Robótica

Incidiu na ampla colaboración que mantén a Xunta co empresariado galego para mellorar a oferta de FP e defendeu a necesidade de adaptar a cualificación e os itinerarios formativos aos requirimentos dun cambiante mercado laboral
 

Vigo, 9 de marzo de 2021.- A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, avogou hoxe por reorientar a formación e adaptarse aos novos perfís profesionais que demandan as empresas. Así o dixo tras visitar o Centro Público Integrado de Formación de Coia no que se forman preto de 300 alumnos e alumnas en especialidades de grande demanda na área de Vigo como o son a instalación e mantemento industrial, a fabricación mecánica, a automatización e a robótica ou o transporte e mantemento de vehículos.

Durante a visita, na que estivo acompañada pola xefa territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Marta Mariño, parte da directiva do centro e do profesorado, tivo a oportunidade de percorrer os preto de 3.000 metros cadrados destinados a talleres formativos, entre eles os de automatismos pneumáticos, eléctricos e hidráulicos, o de carrocería e mecánica ou o de frío industrial. Unha formación que, destacou, está claramente enfocada a atender as demandas dos sectores con maior presenza e peso económico na cidade de Vigo, como o son a automoción ou o conxelado.

Precisamente, Fernández-Tapias exemplificou no CIFP de Coia, no que se imparten un total de 15 especialidades de formación profesional non regrada e dous ciclos superiores -Mecatrónica Industrial e Automatización e Robótica-, a importancia de coordinar a oferta profesional ás demandas do tecido industrial e produtivo de Galicia, convencida da necesidade de adaptar a cualificación e os itinerarios formativos aos requirimentos dun cambiante mercado laboral.

A delegada incidiu na ampla colaboración que mantén a Xunta co empresariado galego para mellorar a oferta de FP especialmente nun momento no que é prioritaria a reactivación económica, como así o demostran os sete vehículos que o Group PSA Vigo cedeu a Xunta para os seus centros formativos. Non hai mellor garantía para un emprego estable e de calidade que a actualización constante das habilidades laborais”, remarcou.

Neste contexto, a delegada recordou que a Consellería de Emprego e Igualdade está a elaborar un estudio que permitirá formular unha proposta de catálogo formativo dos perfís profesionais que serán máis necesarios a medio e largo prazo.
 

Imaxes relacionadas