A Xunta lembra aos cidadáns a necesidade de informar ao 012 cando detecten a presenza dun niño de vespa velutina

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe as instalacións do servizo de atención e información á cidadanía do teléfono 012 no que se reciben os avisos sobre a presenza de niños desta especie

A Xunta renovou a encomenda á empresa pública Seaga para a retirada dos niños no marco do plan de loita contra esta especie en coordinación cos concellos, ao que están adheridos 300 concellos, o 96% do total

O Goberno galego mantivo a atención aos avisos e o servizo durante a crise sanitaria da covid-19 e o equipo de intervención retirou o ano pasado máis de 16.700 niños

San Cibrao das Viñas (Ourense), 10 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o servizo do 012 no que se reciben os avisos sobre a presenza de niños de vespa velutina, onde lembrou a necesidade de que os cidadáns informen a través do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 cando detecten e localicen un destes niños.

Tamén sinalou que a Xunta xa aprobou a semana pasada a renovación da encomenda da retirada e destrucións destes niños á empresa pública Seaga en todo o territorio galego en colaboración cos concellos adheridos ao Plan de loita contra esta especie acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Un total de 300 municipios forman parte deste plan, o que supón o 96% dos municipios galegos, dos que 285 xa se uniran en 2020 e aos que agora se suman outros 15 máis.

Natalia Prieto tamén fixo balance das actuacións levadas a cabo polo equipo de intervención de Seaga o ano pasado con máis de 16.700 niños retirados: 8.640 deles na provincia da Coruña, máis de 2.000 na de Lugo, máis de 1.300 en Ourense e case 5.000 na de Pontevedra.

Nesta liña, destacou que o Goberno galego ofrece unha atención profesional con equipos ben preparados e dotados con todo o material e medios necesarios para a realización do seu traballo en condicións de seguridade. De feito, a Administración autonómica xa reforzou en 2020 os recursos do equipo coa adquisición de novas marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas de fibra de carbono e bombas de batería para a impulsión de biocida.

A Xunta xa viña traballando desde o 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática na comunidade e, ante o aumento da súa presenza, decidiu redobrar o ano pasado os esforzos e actuar coa Fegamp coa posta en marcha deste Plan, que vén de renovarse, para ofrecer unha solución centralizada e coordinada cos concellos.

A directora xeral de Administración Local lembrou que a Xunta mantivo a atención dos avisos no teléfono 012 e mantivo o servizo durante a crise sanitaria da covid-19 garantindo a protección e a seguridade dos efectivos de Seaga.

Imaxes relacionadas