Galicia remite aos colectivos profesionais as reflexións da carta aberta para frear a inclusión do lobo no Lesrpe

A Consellería de Medio Ambiente recorda que este escrito conta xa co apoio de dez autonomías e das organizacións agrarias

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanza un novo paso no seu obxectivo de frear a inclusión do lobo no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe) e envía a carta aberta sobre esta iniciativa do Goberno central aos colectivos profesionais galegos, veterinarios, enxeñeiros de montes e agrícolas e enxeñeiros técnicos, para que se sumen á causa que defenden as comunidades ao norte do río Douro.

Esta nova acción forma parte da rolda de contactos que Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León están a levar a cabo para que outras administracións, entidades, organismos e colexios profesionais se sumen ao escrito no que se recoñece a disposición das comunidades ao norte do río Douro a xestionar o lobo ibérico, pero desde o respecto ao mundo rural, na coexistencia e na convivencia.

Este escrito -xa remitido ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao Ministerio de Agricultura- conta co respaldo de dez autonomías e tamén das organizacións agrarias.

Cómpre lembrar que tamén foi remitido a semana pasada á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para que esta entidade dea traslado do contido aos concellos galegos e poidan coñecer de primeira man os motivos polos que a Xunta solicita ao Estado unha reflexión sobre as consecuencias de incluír esta especie no Lesrpe.

Imaxes relacionadas