A Xunta sinala que Cartelle dá o paso definitivo cara ao urbanismo sostible coa aprobación inicial do Plan básico municipal

Trátase do cuarto municipio de Galicia, e segundo da provincia, en acadar o visto e prace inicial desta ferramenta que vela polo desenvolvemento ordenado de Cartelle

O plan básico identifica 59 núcleos rurais e dous urbanos, así como os elementos do patrimonio cultural e natural do concello

A conselleira lembra que o Goberno galego impulsa a redacción de 18 plans básicos municipais, un traballo que por primeira vez se leva a cabo en Galicia e que suporá un antes e un despois na planificación urbanística destes concellos
 

Cartelle (Ourense), 9 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, destacou esta mañá que o Concello de Cartelle dá o paso definitivo, e sen volta atrás, cara ao urbanismo sostible, grazas á aprobación inicial do seu Plan Básico Municipal.

Ángeles Vázquez asinou esta mañá a orde de aprobación inicial desta ferramenta de planeamento, recollida na Lei do solo e pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes, co fin de que dispoñan dun instrumento importante co que ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica, que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística.

Avanzou que Cartelle é o cuarto concello galego que acada a aprobación inicial do PBM, e o segundo da provincia de Ourense; e que como os seus predecesores (Triacastela e San Xoán de Río) tomou como referente o do Páramo, redactado pola Xunta para facilitar un modelo e referente para os restantes.

A conselleira felicitou ao alcalde e ao equipo redactor deste municipio que conta cunha superficie de 94,30 km2, por apostar e traballar na aprobación inicial do PBM e sumarse ao obxectivo do Goberno galego de ningún concello sen planeamento; e tamén por acadar unha ferramenta que identifica o potencial e que recoñece as posibilidades para medrar de xeito ordenado e sostible.

Así, o plan básico delimita en 59 os núcleos rurais nun ámbito de solo urbano consolidado e recoñece Outomuro e Cartelle como núcleos urbanos. En Outomuro, o principal e máis poboado do concello, sitúase actualmente a casa consistorial, así como outros edificios administrativos e de servizos; e en Cartelle, está situada a feira, o colexio, o centro de saúde, así como outros edificios.

Neste instrumento de ordenación tamén se identifican e catalogan elementos do patrimonio cultural e natural do concello, como dous elementos BIC arqueolóxicos, dous arquitectónicos e 16 etnográficos.

Máis dunha década defendendo un urbanismo responsable

A conselleira de Medio Ambiente salientou o esforzo realizado polo Goberno galego por acadar un urbanismo responsable na Comunidade, un traballo no que hai un punto e seguido grazas á redacción dos PBM de Ribeira de Piquín, Riotorto, Trabada, Padrenda e Porqueira, concellos que xa superaron a tramitación ambiental do plan básico.

De xeito paralelo, tamén se tramitan os plans doutros nove concellos (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón), dos que xa se adxudicaron, po case 200.000 euros, os contratos para a obtención da cartografía e que servirán de base para a redacción dos seus plans básicos.

Así, o Goberno galego impulsa a redacción de 18 plans básicos municipais, un traballo que por primeira vez se leva a cabo en Galicia e que suporá un antes e un despois na planificación urbanística destes concellos.

Asemade, a Xunta tamén apoia técnica e economicamente aos concellos que apostan por redactar un plan xeral de ordenación municipal; polo que en 2021 dedicará 3,2 millóns de euros a axudas aos concellos que redacten o seu propio PXOM e seguir incrementando a lista de 108 concellos que dispoñen dun plan xeral adaptado á normativa vixente.

Por último, a conselleira afirmou que a Xunta seguirá a traballar man a man cos concellos, desenvolvendo ferramentas que protexan e poñan en valor a paisaxe, o territorio e o urbanismo de Galicia.
 

Imaxes relacionadas