Europa deixará de financiar os modelos de tratamento de lixo distintos ao de Sogama

O Goberno central confirmou que a Comisión Europea non habilitará ningún mecanismo de financiamento para os modelos baseados na mestura e separación mecánica dos residuos e posterior tratamento biolóxico dos orgánicos

Así, o modelo que primará será o de separación en orixe ou separación selectiva, na que a fracción orgánica se deberá tratar de forma diferenciada da do colector xeral e as restantes fraccións en cadanseu colector

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2021

A Unión Europea vén de trasladar que deixará de habilitar mecanismos de financiamento europeo para os sistemas de recollida de residuos baseados en tratamentos mecánico-biolóxicos, os coñecidos como TMB, baseados na recollida conxunta de tódolos residuos que, na planta de tratamento, se separan mecanicamente e os residuos orgánicos se destinan á produción de compost.

Así o comunicaron esta mañá representantes do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico nunha reunión da Comisión Sectorial de Medio Ambiente, na que confirmaron ás comunidades autónomas que Europa non habilitará recursos económicos para os tratamentos que recollen baixo a denominación TMB.

En España, ao redor do 51% dos residuos sólidos urbanos (RSU) xerados son tratados nestas instalacións.

Actualmente, en Galicia este tipo de tratamento son os que se levan a cabo nas plantas de tratamento de Nostián e Lousame; polo que –ante a falta de financiamento- parecen modelos a extinguir.

Así, o modelo que primará será o de separación selectiva en orixe, no que cada fracción a se deposita no colector correspondente, cartón e papel (colector azul), vidro (iglú verde) e envases, plásticos e bricks (colector amarelo), orgánica (colector marrón) e a resto no colector xeral.

Este modelo de tratamento, o modelo Sogama, é polo tanto o que está a defender a Unión Europea, que aposta pola separación dos residuos urbanos desde a orixe, de xeito que nas plantas de tratamento como a que existe no Complexo Medio Ambiental de Sogama só se valoriza a fracción resto.

Na actualidade, ao modelo Sogama están adheridos un total de 295 municipios que aglutinan a 2.242.000 habitantes.

Imaxes relacionadas