A conselleira de Política Social visitou esta mañá a emblemática libraría Follas Novas no centro de Santiago

Fabiola García anuncia a adhesión da Federación de Libreiros de Galicia á Tarxeta Benvida, que permitirá ás familias beneficiarias empregala en máis de 160 establecementos do sector

Esta axuda leva beneficiado a 67.000 galegas e galegos durante os últimos cinco anos, para o que a Xunta investiu un total de 91 millóns de euros

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou hoxe a adhesión da Federación de Libreiros de Galicia ao programa da Tarxeta Benvida. Esta colaboración permitirá ás familias beneficiarias desta axuda económica facer uso dela nos 160 negocios que integran esta rede, tal como adiantou a representante do departamento autonómico durante unha visita que realizou esta mañá á emblemática libraría Follas Novas, situada no centro de Santiago.

A conselleira destacou a importancia de fomentar o hábito lector nas nenas e nenos desde as idades máis temperás. Neste sentido, sinalou que este acordo permitirá que as familias poidan empregar esta axuda na compra de libros, ademais de na compra de alimentos, produtos de farmacia, roupa ou cueiros.

Así mesmo, Fabiola García lembrou que a Tarxeta Benvida leva beneficiado a 67.000 galegas e galegos durante os últimos cinco anos, para o que a Xunta investiu un total de 91 millóns de euros. Unha prestación que se suma á gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos ou ás casas niño, pequenas escolas infantís no rural que chegarán este ano a preto de 100 concellos galegos.

Imaxes relacionadas