A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, deulle a benvida aos participantes desta iniciativa que, pola situación sanitaria, volve a ser online

Preto dun cento de estudantes de secundaria participan hoxe na fase clasificatoria da duodécima edición de Parlamento Xove

Esta primeira parte do torneo de debate dispútana 92 estudantes da ESO divididos en 23 equipos

A pregunta desta edición é: Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou hoxe na fase clasificatoria de Secundaria na duodécima edición do programa Parlamento Xove que, pola situación sanitaria, volve a ser online. Deulle a benvida ao preto de 100 estudantes da ESO que se deron cita para debater sobre unha cuestión de máxima actualidade.

Os equipos confrontaron as súas opinións sobre a seguinte pregunta: Debería un Estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?’. Nesta primeira quenda participaron 23 equipos, cada un deles formado por unha persoa docente, que exerce de coordinador do grupo, e por catro estudantes.

Este ano, debido á situación actual provocada pola pandemia sanitaria, as primeiras fases de Parlamento Xove realizaranse online, de igual xeito que se fixo na final de ESO de 2020. A Xunta de Galicia valorará, segundo a evolución da pandemia sanitaria, a posibilidade de que as finais se celebren de xeito presencial no Parlamento de Galicia se as circunstancias sanitarias o impiden utilizarase de novo a vía telemática.

Equipos participantes

En concreto, na categoría de Secundaria déronse cita 13 equipos de centros da provincia de Pontevedra: dous equipos dos centros Colexio Internacional SEK-Atlántico (Poio), CPR Plurilingüe Compañía de María (Cangas) e do CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa); e un equipo do CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada), do CPR Eduardo Pondal (Cangas), do IES do Barral (Ponteareas), do IES da Xunqueira (Pontevedra), CPR Santiago Apostol (Soutomaior), do Mª Inmaculada Carmelitas Vedruna (Vigo) e do CPR Plurilingüe Divino Salvador (Vigo).

Tamén participan cinco grupos da Provincia da Coruña: Colexio La Salle (Santiago); dous equipos do CPR Maristas Cristo Rei (A Coruña) e outros dous do CPR Esclavas Sagrado Corazón de Jesús. Catro equipos saídos de centros da provincia lucense: dous equipos do CPR Maristas A Inmaculada (Lugo), un do IES da Pinguela e outro do Ies Francisco Daviña Rey, ambos de Monforte de Lemos. Por último, da provincia de Ourense participa un grupo do CPR Plurilingüe Santa María (Ourense).

Outras fases clasificatorias

Ademais da modalidade de Secundaria, tamén se celebrará a de Bacharelato e a de Universidades. Os 22 equipos que participan na categoría de Bacharelato terán a súa fase previa o 13 de marzo. Os 8 equipos universitarios inscritos celebrarán directamente unha fase final cuxa data aínda está por determinar.

Polo tanto, este ano o programa Parlamento Xove da Xunta de Galicia contará con máis de 200 estudantes da ESO, Bacharelato e das universidades galegas.