Medio Ambiente mantén xuntanzas bilaterais con todos os alcaldes do Xurés para avanzar no futuro Plan de Xestión do Parque

A directora xeral de Patrimonio Natural e o delegado territorial da Xunta están a reunirse cos rexedores de Lobios, Lobeira, Muíños, Bande, Entrimo e Calvos de Randín para revisar a proposta inicial de zonificación e recoller as súas achegas

A rolda de consultas cos principais sectores con intereses na zona continuará este mes, coa previsión de citar en primeiro lugar ás comunidades de montes
 

Lobios (Ourense), 5 de marzo de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda retomou hoxe a rolda de contactos iniciada no mes de xaneiro co fin de darlle un pulo definitivo á redacción do futuro Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUX) do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, un documento que marcará as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento económico, turístico e medioambiental deste espazo.

Con este obxectivo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, convocou hoxe aos alcaldes de Lobios, Lobeira, Muiños, Bande, Entrimo e Calvos de Randín para trasladarlles os últimos avances realizados sobre o documento básico de partida e recadar a súa opinión ao respecto, así como datos e información de interese dos seus respectivos concellos que poidan ser de utilidade na elaboración do PRUX.

As reunións producíronse de forma bilateral ao longo de toda a mañá e prolongaranse ata última hora desta tarde, co obxectivo de revisar a proposta inicial de zonificación en cada un dos concellos directamente cos rexedores.

Esta é a segunda ocasión no que vai de ano en que a Consellería cita aos alcaldes dos seis municipios ourensáns pertencentes ao Parque Natural do Xurés. Os primeiros encontros producíronse a finais de xaneiro, no marco de dúas reunións nas que responsables da Xunta expuxéronlles un resumo executivo do que será o futuro PRUX, a proposta de partida de zonificación do parque e os pasos a seguir para a tramitación do documento.

Concretamente, o cronograma previsto unha vez estea pechado o borrador do PRUX sería proceder á súa presentación aos principais colectivos afectados e interesados, publicación do anuncio de información pública, resposta, avaliación e posible incorporación das achegas recibidas, solicitude de informes aos organismos con competencias, presentación ante o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads), traslado á asesoría xurídica e aprobación polo Consello da Xunta, para a súa publicación no DOG.

O obxectivo final é que o Plan Reitor de Uso e Xestión estea redactado este mesmo ano e poida ser aprobado a finais de 2021 ou comezos do seguinte exercicio, tal e como anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, na súa última visita ao Xurés.

Para logralo e unha vez pechada a rolda de reunións conxuntas e individuais cos rexedores, ao longo do mes de marzo continuarase cos contactos con outros colectivos e sectores con intereses no Parque Natural co fin de seguir reforzando o traballo técnico no futuro PRUX. Está previsto que as comunidades de montes do Xurés sexan as próximas en ser chamadas a consultas tendo en conta o peso e relevancia que teñen estas entidades no parque natural máis extenso de Galicia.
 

Imaxes relacionadas