Galicia solicita ao Goberno central simplicidade administrativa na tramitación das axudas en materia de vivenda dos fondos europeos

Ángeles Vázquez traslada a necesidade de concretar os criterios e condicións dos programas que recolle o plan de recuperación, para evitar xerar falsas expectativas aos futuros beneficiarios

Demanda autonomía para as comunidades á hora de tramitar e fixar os requirimentos da futura convocatoria, co fin de adaptalas ás normativas vixentes de cada rexión
 

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, solicitou esta mañá ao Goberno central simplicidade administrativa na tramitación das axudas en materia de vivenda dos distintos programas do Plan de recuperación e resilencia da Comisión Europea.

Ángeles Vázquez mantivo unha reunión por videoconferencia co secretario xeral da Axenda Urbana e Vivenda, David Lucas Parrón, ao que trasladou esta necesidade, coa finalidade de que sexan un instrumento áxil, eficaz e flexible; e permitindo ás comunidades o axuste dos termos da tramitación.

Asemade, trasladou a necesidade de definir os criterios e condicións dos diferentes programas, para evitar xerar falsas expectativas aos posibles beneficiarios. Insistiu na urxencia de que o Estado concrete e axilice os contidos dos programas, dado que si demora as decisións sobre estes aspectos as rexións disporían dun prazo moi axustado para poñer en marcha e materializar as actuacións, pois no ano 2023 todas as liñas deben estar en marcha.

As actuacións en materia de vivenda inclúen varios programas de investimentos, onde o máis destacado -polo orzamento que se prevé destinar- é o de rehabilitación para a recuperación económica e social nas contornas residencias, con 3.420 millóns de euros.

Outras das reivindicacións sinaladas por Galicia van na liña, xa trasladada noutras ocasións ao Goberno, da necesidade de que respecte as competencias en materia de vivenda que ostentas as comunidades e que traslade unha mínima regulación, facilitando que cada comunidade axuste as súa tramitación e os seus requirimentos da futura convocatoria ás normativas de cada rexión.

Asemade, tamén lle transmitiu que -no caso de plantexar algún cambio- se consulte ás comunidades antes de tramitalos e sobre todo se afectan a normativa actual nesta materia e reiteroulle a importancia de que as comunidades, neste caso Galicia, coñeza os propósitos e pretensións da man do propio do Goberno central.

Neste sentido, recordou que Galicia non só cun marco normativo autonómico propio -a Lei 8/2012 de vivenda de Galicia e a Lei 1/2019 de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana; senón tamén cunha política en materia de vivenda pensada por e para os galegos, que se resume no Pacto Social pola Vivenda de Galicia 2021-2025; unha folla de ruta aprobada polo Observatorio da Vivenda de Galicia, no que están representados os axentes económicos e sociais.
 

Imaxes relacionadas