A Xunta colabora coa Escola de Enxeñería Forestal para a formación práctica do alumnado mediante realidade virtual

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e o delegado da Xunta en Pontevedra, Luis López, participaron na presentación do simulador que a Administración autonómica cede ao centro pontevedrés

Este equipo permite realizar todas as operacións dos autocargadores e as procesadoras forestais mediante un software de simulación de aparatos reais
 

Pontevedra, 4 de marzo de 2021

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitaron hoxe a Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, onde participaron na presentación do simulador que a Xunta cede temporalmente ao centro pontevedrés para facilitar a formación práctica do alumnado mediante realidade virtual.

Os simuladores forestais cos que conta Xera permiten realizar todas as operacións que realizan os autocargadores e as procesadoras forestais, mediante un software de simulación de aparatos reais e o uso de pantallas de ordenador e gafas de realidade virtual.

Esta actuación enmárcase na liña de constante cooperación que manteñen a Axencia Galega da Industria Forestal, dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e mais a Escola de Enxeñería Forestal, dentro da cal se desenvolveron diferentes estudos sobre a cadea de valor do sector forestal.

A Universidade de Vigo tamén colaborou na elaboración da Axenda de Impulso da Industria Forestal, a folla de ruta deseñada conxuntamente entre a Administración e os actores protagonistas do eido (empresas e centros de coñecemento) para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor de competitividade.
 

Imaxes relacionadas