A Xunta entrega o remolque de emerxencias a Protección Civil de Meis e completa os lotes de equipamentos da provincia de Pontevedra

O delegado territorial, Luis López, asiste en Pontevedra á recepción do material por parte da agrupación, á que tamén acudiu a alcaldesa, Marta Giráldez

O equipo complétase, no seu interior, con xenerador, equipos de roza, sinais de balizamento, mangueiras e outros materiais para a atención cidadá

A comarca do Salnés recibiu seis lotes ao abeiro da derradeira orde da Xunta, que beneficiou tamén a Vilagarcía, Vilanova, Cambados, Catoira e Valga
 

Pontevedra, 3 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vén de completar a distribución dos lotes de equipamentos de emerxencias na provincia de Pontevedra correspondentes coa orde do ano 2020 coa entrega dun remolque á agrupación de Protección Civil de Meis.

O acto, celebrado na explanada do edificio administrativo de Campolongo, contou coa presenza do delegado territorial, Luis López, e da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, que recibiron explicacións técnicas sobre o funcionamento do remolque e de todos os equipos complementarios incluídos para a atención cidadá e a xestión de operativos.

Así, o remolque complétase, no seu interior, con diverso material para o seu emprego pola entidade meisina e, entre o mesmo, figuran un xenerador, equipos de roza, serras, sinais para balizamento, mangueiras, unha bomba de auga e outros propios para as emerxencias.

Deste xeito, complétase a entrega a todas as agrupacións da provincia de Pontevedra, que levaron un total de 19 lotes, dos que seis recaeron en entidades da bisbarra do Salnés e da contorna do Baixo Ullán. Deste xeito, tamén se entregara previamente outro remolque a Catoira, senllas tendas de campaña a Cambados e Valga, unha embarcación pneumática a Vilagarcía de Arousa e un vehículo todoterreo tipo pick-up a Vilanova de Arousa.

O representante autonómico destacou o “absoluto compromiso” da Xunta de Galicia coa mellora constante dos servizos de emerxencias e coa axeitada atención aos cidadáns e exemplificouno “no continuo e crecente ánimo de colaboración coas agrupacións de Protección Civil, que fan un enorme traballo e ademais de carácter altruísta, a través da entrega de materiais específicos de primeiro nivel para que poidan desenvolver correctamente o seu traballo”.

Imaxes relacionadas