Conde informa á CEG de que a nova lei de reactivación achegará maior axilidade e seguridade na tramitación de proxectos empresariais

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse hoxe coa Confederación de Empresarios de Galicia para seguir abordando as medidas de recuperación da economía galega

Destaca a creación dun mecanismo público-privado para a xestión dos proxectos que opten aos fondos europeos
 

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reuniuse esta mañá con Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), para seguir abordando co tecido empresarial galego as medidas de reactivación da economía galega. Neste sentido, avaliaron as novidades da Lei de simplificación administrativa e reactivación económica de Galicia que, entre outras cuestións, outorgará aos proxectos tractores
–incluídos os seleccionados para optar aos fondos europeos– unha maior axilidade na tramitación e seguridade xurídica ao ser consideradas iniciativas industriais estratéxicas.

O vicepresidente económico explicou que a nova normativa busca xerar estabilidade e confianza no tecido empresarial, cun cambio na cultura administrativa que incide na simplificación administrativa e no apoio ao investimento.

No encontro tamén se abordou a oportunidade que supoñen os fondos europeos e Conde trasladou que a Xunta formará parte da sociedade público-privada encargada de madurar os proxectos finais que se vaian desenvolver ao abeiro dos fondos Next Generation.
O obxectivo é que, liderada pola iniciativa privada e apoiada polo Goberno galego, sirva como instrumento para impulsar as propostas que se seleccionen como candidatas a proxecto tractor, apoiando a busca de investidores e a planificación estratéxica de cada iniciativa.

Conde e Vieites tamén analizaron a realidade industrial de Galicia e coincidiron na necesidade de aunar esforzos co obxectivo de dar viabilidade a proxectos industriais en perigo como é o caso da industria electrointensiva, Ence ou Navantia. Ambos os dous avogaron polo diálogo social como a mellor ferramenta para superar os retos aos que se enfronta Galicia.
 

Imaxes relacionadas