O primeiro destes cortes de circulación terá lugar hoxe entre as 13 e as 15 horas
As obras de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria farán necesarios desde hoxe cortes de tráfico puntuais os martes e os xoves a mediodía
Estes peches puntuais son precisos para avanzar na actuación e garantir a seguridade durante a execución dos traballos, que inclúen voaduras
Os cortes realizaranse entre o enlace do quilómetro 13 (O Páramo, A Pobra de San Xiao), do quilómetro 22 (Sarria norte, Morelle) e do 24 (Sarria centro, Paradela)
O traxecto alternativo efectuarase pola estrada LU-546 Nadela- Sarria-Monforte
A conversión en autovía no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro conta cun investimento da Xunta de 25 M€
A nova autovía permitirá realizar o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km/h
As obras de conversión en autovía da vía de altas prestacións Nadela-Sarria, no treito entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro, farán necesarios desde hoxe cortes de tráfico puntuais os martes e os xoves a mediodía durante os vindeiros meses.
Estes peches de circulación en ambos os sentidos efectuaranse nestes días da semana, sempre que sexan laborables, entre as 13 e as 15 horas. De modo ocasional e con comunicación previa, poderase realizar algún outro corte puntual outros días da semana.
Neste sentido, hoxe a mediodía terá lugar o primeiro destes peches puntuais, que son necesarios para garantir a seguridade durante a execución destes traballos, que inclúen voaduras.
Segundo a localización concreta dos traballos que precisen corte, estes realizaranse entre o enlace do quilómetro 13 (O Páramo, A Pobra de San Xiao), o enlace do quilómetro 22 (Sarria norte, Morelle) e o do quilómetro 24 (Sarria centro, Paradela).
O traxecto alternativo, que se realizará principalmente pola estrada Nadela–Sarria–Monforte (LU-546), estará sinalizado coa necesaria antelación.
Conversión en autovía
Estes traballos enmárcanse nas obras da primeira fase da conversión en autovía da vía de altas prestación Nadela-Sarria, cun investimento da Xunta de case 25 millóns de euros.
Trátase da execución da primeira autovía autonómica da provincia, libre de peaxe, que comeza polo tramo sinalado como prioritario polos técnicos, aproximadamente 11 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro.
As obras, que teñen un prazo de execución de 24 meses, prevén a construción dunha nova calzada paralela á existente, pola marxe esquerda sentido A Pobra de San Xiao, pasando dunha calzada con dous carrís actuais a dúas calzadas con dous carrís por sentido.
A intervención incluirá tamén a adaptación dos enlaces e dos pasos inferiores existentes, así como a reposición dos camiños de servizo afectados.
Ademais, o treito de autovía entre A Pobra de San Xiao e Sarria centro contará con valla reforzada en ambos os lados para reducir a accidentalidade causada polo xabaril. Colocarase esa valla pola marxe esquerda, por onde irá a nova calzada, e substituirase a xa existente no lado que non se desdobra.
A nova autovía permitirá realizar o percorrido de xeito máis rápido, máis seguro e con maior comodidade, cunha velocidade máxima de 120 Km/ h.
Documentos relacionados
- No seguinte plano indícase o desvío que se establecerá, así como o itinerario alternativo
- En el siguiente plano se indica el desvío que se establecerá, así como el itinerario alternativo