Xunta e TSXG consensúan a proposta de creación de tres unidades xudiciais correspondentes a 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron esta mañá a reunión da Comisión Mixta de Xustiza

No encontro acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza un novo xulgado do Mercantil na Coruña e 2 prazas de maxistrado, unha na Audiencia Provincial de Ourense e outra na de Lugo

A Xunta traballa na posta en marcha da segunda fase do plan de choque e de axilización xudicial e publicará en breve o protocolo de actuación para ofrecer unha asistencia integral nas Oficinas de Atención ás Vítimas

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, presidiron esta maña a Comisión Mixta de Xustiza, onde acordaron solicitar ao Ministerio de Xustiza un novo xulgado do Mercantil na Coruña, así como 2 prazas de maxistrado, unha delas na sección 1ª da Audiencia Provincial de Ourense e outra na mesma sección da Audiencia de Lugo. No encontro por videoconferencia tamén participou o director xeral de Xustiza, Juan José Martín.

Alfonso Rueda destacou que, coa priorización destas novas unidades, dáse resposta para aliviar a carga de traballo dos órganos con máis volume de asuntos en base ás estatísticas do Ministerio de Xustiza. Ademais, no caso do novo xulgado do Mercantil na Coruña sinalou a importancia de incidir nesta xurisdición, xunto coa do social e do contencioso-administrativo, debido á especial incidencia da covid-19.

Ademais, a Xunta xa traballa precisamente na segunda fase do plan de choque e de axilización xudicial que se levará a cabo neste exercicio na xurisdición contecioso-administrativa. A primeira fase deste plan, posta en marcha o pasado xuño e na que o Goberno galego investiu máis de 1 millón de euros, centrouse na actualización do traballo suspendido polo Estado de Alarma nas xurisdición do Social e do Mercantil coa creación de novos xulgados.

Ademais, o Goberno galego apoiou a dotación de persoal e de equipamento dos tres novos xulgados do Social -o nº 7 da Coruña, o nº 4 de Lugo e o nº 7 de Vigo- que entrarán en funcionamento o 31 de marzo. Así, a Xunta xa aprobou as 24 prazas de funcionarios para estes tres órganos xudiciais, que xunto cos custos de mobiliario e material informático, suporán un investimento de 850.000 euros. No caso do xulgado nº7 do Social aprobado para A Coruña substitúe ao xulgado bis habilitado o pasado setembro.

Por outra banda, a Xunta publicará en breve o protocolo de actuación para ofrecer unha asistencia integral, coordinada e especializada ás vítimas dun delito durante o proceso xudiciais, especialmente aos menores de idade e ás vítimas máis vulnerables.

Deste xeito, a Administración autonómica avanza en consolidar o modelo de atención asistencial desde as Oficinas de Atención ás Vítimas, que abarca a intervención psicolóxica, cunha avaliación individualizada do caso, e a aplicación de medidas de protección da vítima durante o proceso.

Imaxes relacionadas