A Xunta realiza unha exposición de obras de graffiti premiadas e finalistas no Xuventude Crea na biblioteca pública Ánxel Casal

Poderase ver a partir do martes 2 de marzo e ata o día 31 no horario de apertura do centro

As obras da exposición serán as tres premiadas, a mención de honra e outras dúas das finalistas na edición do ano 2020
 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2021

A Xunta realizará unha exposición na biblioteca pública Ánxel Casal con seis obras premiadas e finalistas no Xuventude Crea 2020 na especialidade de graffiti. Estas creacións poderanse ver desde o martes 2 de marzo ata o día 31 do mesmo mes no horario de apertura da biblioteca.

En concreto, trátase dos tres graffitis premiados: ‘O raposo’, do artista coruñés Javier Caamaño; ‘Estilo en continua construción’, do vigués Adrián Lomba; e ‘Entusiasmo luminoso’, do mozo Daniel Fernández, de Baiona. Así mesmo, tamén se exporán a obra merecedora da mención de honra, ‘Escornabois’, da coruñesa Fernanda Rodríguez; e outras dúas obras finalistas: ‘Macaco’, do coruñés Ismael Pérez; e ‘Level’20’, de Daniel Abreu, de Navia.

Esta exposición enmárcase dentro do novo proxecto da Consellería de Política Social, que trata de poñer en valor e darlle visibilidade ás obras das persoas mozas premiadas de cada edición, máis alá da celebración das diferentes fases finais. Así, ademais desta mostra, organizaranse este ano outras actividades destacadas, como unha exposición itinerante retrospectiva sobre o pasado e o futuro do programa, ou a publicación da novela curta gañadora ‘Cando sangren os lobos’, por Edición Xerais. Cómpre lembrar que a categoría de novela curta foi unha das novidades incorporadas a este certame en 2020.

Catorce especialidades

O programa inclúe 14 especialidades: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (coas modalidades de pintura e escultura). Na edición de 2020, que acadou un récord de solicitudes con preto de 500 persoas mozas participantes, incorporáronse como novidade as especialidades de creación de videoxogos e novela curta.

Neste ano 2021, o programa Xuventude Crea acadará a súa duodécima edición, na que buscará seguir estimulando e apoiando a imaxinación e a creatividade das mozas e mozos galegos de entre 16 e 30 anos.

 

Imaxes relacionadas