A Xunta difundirá desde o próximo sábado nas súas redes o documental 'A memoria viva', sobre o Centro Gallego da Habana

Os secretarios da Emigración e Política Lingüística presentaron esta tarde a produción audiovisual do xornalista galego Pablo López, quen reconstruíu a historia deste edificio a través da memoria de varios dos seus membros

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

As secretarías xerais da Emigración e de Política Lingüística difundirán a través das súas plataformas web e redes sociais, a partir do próximo sábado, día 27, o documental A memoria viva, a través do cal se pode coñecer a historia do Centro Gallego da Habana.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, xunto co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, presentaron hoxe, a través de Facebook Live esta produción audiovisual realizada polo xornalista galego Pablo López e que forma parte do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021 da Xunta de Galicia.

O documental narra a historia deste emblemático edificio da man dalgúns dos seus protagonistas: emigrantes que aínda recordan a importancia que o centro tivo para o colectivo de galegos residentes en Cuba e que forman parte da Federación de Sociedades Galegas en Cuba, quen recolleu a labor do Centro Gallego da Habana despois da súa disolución.

Antonio Rodríguez Miranda destacou que o Centro Gallego da Habana é algo máis que una construción, “falamos dun edificio que ten corazón. De feito, na súa fachada conta con catro grupos escultóricos que representan o que a institución lles ofrecía aos galegos que chegaban a Cuba: educación, atención social e cultural, tanto na música como no teatro. Podería dicirse que é o edificio máis bonito co que conta a galeguidade no mundo, e as súas paredes gardan importantes e emocionantes historias”.

Pola súa banda, Valentín García incidiu “na importancia que tivo este epicentro cultural internacional na divulgación e coñecemento das grandes obras e autores do Rexurdimento galego, exercendo de mecenas, dando ao prelo e financiando volumes que fixeron posible as edicións de Rosalía, Curros ou Pondal”. “Galicia garda con Cuba unha inmensa débeda cultural e infinidade de lazos, que materializaron grandes fitos na historia do pobo galego, como o primeiro izamento da bandeira, a estrea da letra do himno ou los pilares da Real Academia Galega”, concluíu.

Imaxes relacionadas