A Xunta presenta alegacións contra a orde para incluír todas as poboacións de lobo no Listado de Especies de Protección Especial e esixe ao Estado que desista da súa tramitación

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda rexistrou este mediodía os seus argumentos en contra da proposta no marco do proceso de consulta pública previa que abriu o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico

O departamento autonómico considera que o Goberno ignorou a oposición manifestada polas comunidades ante os dous órganos consultivos nos que están representadas cando se propuxo un posible incremento da protección da especie

Aduce que a suposta necesidade de brindarlle unha protección adicional ao lobo ao Norte do río Douro carece de base científica e xustificación

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia vén de presentar as súas alegacións en contra do proxecto de orde ministerial promovida polo Goberno co obxectivo de incluír todas as poboacións de lobo de España no Listado de especies silvestres en réxime de protección especial (Lesrpe). No marco do procedemento de consulta pública previa da devandita orde, o Goberno autonómico expón o seu rexeitamento absoluto ante unha medida que considera inxustificada, innecesaria e inoportuna, polo que solicita ao Estado que desista da súa tramitación.

A oportunidade deste cambio na catalogación actual do lobo xustifícase por parte do Ministerio para que esta ferramenta (o Lesrpe) se manteña actualizada coa mellor información científica dispoñible, en cumprimento dos acordos adoptados na Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade celebrada o pasado 4 de febreiro.

Sen embargo, tal e como argumenta a Xunta no escrito rexistrado hoxe, esta afirmación non pode sosterse tendo en conta que a posición das comunidades ante os dous órganos nos que están representadas a efectos de consulta (Comité de Flora e Fauna Silvestres, e Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade), foi sempre contraria á inclusión, por carecer de base científica e de toda xustificación da necesidade dunha protección adicional do lobo ao norte do Douro, con respecto á que xa está vixente.

Cómpre lembrar que o obxectivo da orde ministerial impulsada polo Ministerio é modificar o anexo do Real Decreto 139/2011 para o desenvolvemento do Listado de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas. Na actualidade, no Lesrpe só están incluídos de oficio polo Ministerio os exemplares de lobo ibérico localizados ao sur do río Douro pero se a devandita orde sae aprobada, incorporaríanse todas as poboacións españolas de Canis lupus.

Esta inclusión dificultaría moito, na práctica, a xestión da especie que veñen realizando nos últimos anos as comunidades lobeiras por excelencia (Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, que concentran o 95% dos exemplares de lobo de todo o país). De feito, a Xunta argumenta tamén no seu escrito que hai garantías de que a explotación realizada sobre esta especie na Comunidade galega foi e é compatible co mantemento da mesma nun estado de conservación favorable, algo que o Ministerio pretende agora alterar.
Así mesmo, tamén fai fincapé noutro factor clave a ter en conta con relación á protección do lobo: a súa conflitividade co ser humano asociada aos danos que causa sobre a cabana gandeira.

Neste sentido, a Xunta subliña que nos últimos anos constatouse un incremento significativo dos danos producidos polo lobo na Comunidade galega. Así, a problemática social asociada á especie podería derivar en problemas de conservación a longo prazo, polo que recibe unha atención especial por parte da administración autonómica galega a través do Plan de xestión específico do lobo, que ten como fin principal garantir unha poboación estable da especie na Comunidade e, ao tempo, compatibilizar a súa existencia coa viabilidade económica das explotacións agropecuarias, adoptando medidas preventivas e establecendo liñas de axudas para paliar os danos que se producen.

Así mesmo, cómpre lembrar que o proceso de consulta pública sobre o proxecto de orde ministerial estará aberto ata este venres, polo que a Xunta anima a toda a sociedade a participar co fin de sumar o maior número de apoios ao rexeitamento da inclusión de todas as poboacións españolas de lobo neste listado.

De feito, cómpre lembrar que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural puxo a disposición dos interesados un modelo de alegación no que se sinala que esta modificación non debe avanzar porque o propio Ditame do Comité Científico -sobre o que o Ministerio apoia a súa decisión- xa recolle que a solicitude se basea en criterios subxectivos e pouco formalizados, non se considera a especie como ameazada ao non recomendar a súa inclusión na categoría de vulnerable no Catálogo español de especies ameazadas, xa que non se cumpren os requisitos orientadores, e tampouco soluciona o verdadeiro problema como é o feito de facilitar a coexistencia e convivencia da actividade gandeira galega e o lobo.