A Xunta adxudica por máis de 1,1 M€ a execución das obras do novo colector interceptor en Cabanas para a mellora do saneamento

A actuación contará cun prazo de execución de 12 meses

O novo colector terá unha lonxitude de 1 km, desde o Paseo da Madalena ata o tanque de tormentas e solucionará os problemas actuais de infiltración

Tamén se prevé a execución de dous ramais de colectores secundarios que conectarán co colector interceptor
 

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar as obras do novo colector interceptor en Cabanas para a mellora do saneamento no municipio.

Este contrato foi adxudicado á empresa Arias Infraestructuras, S.A., por un investimento de máis de 1,1 millón de euros. Os traballos contarán cun prazo de execución de 12 meses.

Esta nova actuación para a mellora do saneamento no municipio de Ferrolterra consistirá na construción dun novo colector interceptor en Cabanas, dunha lonxitude de 1 km, desde o Paseo da Madalena ata o novo tanque de tormentas.

Esta infraestrutura hidráulica substituirá a existente coa fin de solucionar os problemas actuais de infiltración de auga de mar.

Na intervención tamén se incluirá a execución de dous ramais de colectores secundarios que conectarán co colector interceptor.

Estas obras contribuirán á eliminación dos puntos de vertido á ría e darán servizo a unha poboación de 7.100 habitantes do municipio de Cabanas.

Os traballos contan co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Estas actuacións forman parte do proxecto de mellora de saneamento entorno ao esteiro de Eume, impulsado polo Goberno galego nos concellos de Cabanas e Pontedeume, cun investimento global de preto de 8,6 millóns de euros.

Actualmente, a entidade hidráulica da Xunta executa a renovación do saneamento de Pontedeume e de parte do abastecemento que se ve afectado por estas obras, así como a instalación dun tanque de retención e un bombeo. Estes traballos seguen a avanzar co obxectivo da súa posta en servizo na primeira metade de 2021.

Dentro do saneamento de Pontedeume a Xunta ten previsto tamén a execución dun tanque de tormentas en Cabanas con saída de bombeo cara á estación depuradora de augas residuais de Centroña, que comparte co concello de Pontedeume. Esta actuación, en fase de contratación, xa recibiu as ofertas de empresas.

O conxunto destas intervencións é estratéxico para a mellora da calidade das augas e o avance no saneamento integral das rías galegas, cos beneficios que implica para a pesca, o marisqueo, a acuicultura, o turismo e a saúde.

A Xunta continúa apoiando aos concellos para que exerzan en mellores condicións as súas competencias de saneamento e depuración das augas.