Ángeles Vázquez anima aos concellos a implicarse para lograr os obxectivos das novas Directrices da Paisaxe de Galicia

Tras a entrada en vigor desta nova ferramenta paisaxística, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incide en que a súa aplicación será clave para compatibilizar a protección do patrimonio natural co desenvolvemento económico

Salienta que coas Directrices culmínase o camiño iniciado pola Xunta hai máis dunha década para incorporar e integrar a variable paisaxística nas políticas relacionadas coa ordenación do territorio, o uso dos recursos e o urbanismo

O documento inclúe normas de carácter obrigatorio para os novos instrumentos de planificación sectorial e urbanística e tamén unha serie de recomendacións xenéricas que non suporán, en todo caso, un custo económico para o cidadán

Lalín (Pontevedra), 24 de febreiro de 2021

As primeiras Directrices da Paisaxe de Galicia entraron en vigor a fin de semana pasada co obxectivo de contribuír a compatibilizar a protección da contorna co desenvolvemento económico da Comunidade, un reto para o que a Xunta agarda contar coa implicación de todos os concellos galegos. Así llo trasladou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que participou en Lalín nunha reunión de traballo con alcaldes da comarca do Deza para falar da aplicación das Directrices e das implicacións que terán a nivel municipal.

Neste sentido, a responsable autonómica lembrou que grazas a esta nova ferramenta de protección, xestión e ordenación paisaxística, Galicia consolida a súa posición como unha das rexións referentes e á vangarda na materia grazas ao traballo iniciado polo Goberno autonómico hai xa máis dunha década.

Durante este período, lembrou, acadáronse fitos como a aprobación do Catálogo das Paisaxes, o deseño e publicación dunha decena de Guías da Paisaxe Galega, o regulamento da Lei da Paisaxe ou a posta en marcha dos primeiros Pactos pola Paisaxe, todas elas promovidas co fin de incorporar a variable paisaxística, como un elemento clave, diferencial e un bo indicador do grao de desenvolvemento dunha sociedade, en todas as políticas de ordenación territorial e urbanística.

No caso concreto das novas Directrices da Paisaxe o obxectivo será compatibilizar a protección e a mellora da paisaxe co desenvolvemento económico da Comunidade. Para logralo, a nova ferramenta inclúe, por unha banda, toda unha serie de normas que serán de obrigado cumprimento para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística, así como para as estratexias rexionais e locais; e por outra, un listado de recomendacións orientativas e que, por tanto, suxiren limitacións ou condicións de carácter xenérico.

Así, as Directrices da Paisaxe de Galicia deberán integrarse en calquera plan, programa ou proxecto que se leve a cabo no territorio da comunidade. O obxectivo principal, como explicou a conselleira, é que os instrumentos de planificación territorial teñan en conta os valores paisaxísticos en todas as súas fases (deseño, aplicación e execución), respectando o carácter diferenciado das grandes áreas paisaxísticas e dos diferentes tipos de paisaxe.

En todo caso, aclarou que a entrada en vigor das Directrices non suporán un custo económico directo para o cidadán que, pola contra, obterá o beneficio de ver como os novos proxectos e iniciativas que se desenvolvan na súa contorna engaden valor paisaxístico.

A modo de exemplo, Ángeles Vázquez explicou que unha das normas de obrigado cumprimento será que as infraestruturas enerxéticas (tendidos e redes) deberán ser subterráneas no caso dos novos desenvolvementos urbanísticos. Ademais, nas Áreas de Especial Interese Paisaxística (AEIP) só se permitirá a apertura dunha canteira ou mina se está rigorosamente xustificada e non ten impacto, e deberanse establecer limitacións respecto das plantacións de eucaliptos, fixándose como norma a promoción de medidas para substituír estas masas e primar as especies autóctonas.

Preservación da paisaxe, retirada de sinalización e espazos protexidos


Preservar as paisaxes galegas é outra das prioridades das Directrices, polo que para reducir o posibles impactos das infraestruturas e vías de comunicación incluiranse criterios de integración e recomendacións para un tratamento axeitado do valor das vistas panorámicas desde as mesmas. Ademais, no caso da construción de pontes de máis de 50 metros de lonxitude, requirirase dun informe do organismo competente en materia de paisaxe.

Tamén se establece a obrigatoriedade de retirar os carteis, paneis e demais sinalización de obras ou actuacións públicas unha vez rematado o prazo de permanencia que determinen os compromisos adquiridos co fin de evitar o seu deterioro e mantemento por tempo indefinido; así como o emprego de especies autóctonas para revexetar elementos viarios, como poden ser medianas, rotondas ou noiros.

En canto á xestión dos espazos naturais protexidos, a conselleira explicou que, como norma, darase prioridade á rexeneración das zonas que sufran impactos paisaxísticos como incendios, verteduras ou similares e nos plans e instrumentos de ordenación forestal fixaranse medidas para a eliminación e prevención das especies vexetais invasoras.

En relación con posibles actuacións no Camiño de Santiago, as Directrices indican que dentro das zonas visibles e a menos de 500 metros deste, seguindo o criterio que se establece na Lei de Patrimonio Cultural, os cambios de actividades agroforestais requirirán de xustificación mediante unha análise de visibilidade baseada no cálculo da cunca visual.

Todas estas normas e recomendacións, como lle trasladou a conselleira aos rexedores de Rodeiro, Dozón, Vila de Cruces e Lalín, requirirán da colaboración e apoio das entidades locais, polo que agradeceu a súa implicación tanto na tramitación dunhas Directrices que foron “froito do consenso” como agora, na súa aplicación práctica.

Imaxes relacionadas