A Xunta adapta os servizos de transporte para favorecer a mobilidade dos traballadores e estudantes na área de Ferrol e nas conexións coa Coruña que estarán operativos desde mañá

Este xoves entran en funcionamento adaptacións de horarios e paradas dos servizos destinados a traballadores e funcionarios que se desprazan á Coruña, de xeito coordinado co transporte urbano da cidade para chegar aos centros de traballo

O Concello da Coruña manifestou a súa desconformidade coa proposta da Xunta de crear 2 autobuses lanzadeira, polo que os usuarios deberán facer transbordo ao transporte urbano en Catro Camiños

Créase unha nova liña entre Ferrol e A Coruña conectada cos Campus de Elviña e A Zapateira, con horarios mellor axustados á xornada lectiva das facultades

A Xunta atende a solicitude do Concello de Ares de dotar de mellores horarios á conexión entre Chanteiro e Ares, que tamén incrementa os seus servizos

Tamén se axustan os horarios do transporte público ás necesidades do alumnado dos institutos de Mugardos e Pontedeume

Estas adaptacións son froito do seguimento continuado que mantén a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade sobre o funcionamento do transporte público

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2021

A Xunta adapta os servizos de transporte para favorecer a mobilidade dos traballadores e dos estudantes na área de Ferrol e nas conexións coa Coruña, que estarán operativos desde mañá.

Este xoves entran en funcionamento as adaptacións de horarios e cambios na configuración das liñas existentes coas que os traballadores e funcionarios de Ferrol e dos concellos veciños se trasladan a diario á Coruña. Tamén comeza a funcionar unha nova liña destinada a estudantes dos Campus de Elviña e A Zapateira.

O Goberno galego traballou conxuntamente coa empresa concesionaria e co Concello da Coruña no deseño de adaptacións do servizo coa fin de atender o antes posible as oportunidades de mellora detectadas para estes colectivos.

A solución aproveita os servizos implantados o pasado 23 de decembro coa posta en marcha completa do Plan de Transporte Público de Galicia, introducindo melloras que responden dun xeito máis eficaz ás demandas dos usuarios. Ao tratarse dun traballo conxunto, a implantación dos axustes farase efectiva de maneira inmediata, despois de ser aprobados os cambios este mesmo luns.

No que se refire a traballadores e funcionarios, as adaptacións veñen remudar un servizo ofertado polo anterior operador entre Ferrol e A Coruña, que contaba con dous vehículos e realizaba percorridos específicos polos centros de traballo dentro do municipio da Coruña.

O Concello da Coruña manifestou a súa desconformidade cunha proposta específica da Xunta para crear dous autobuses lanzadeira para traballadores e estudantes ata os centros de traballo. O Executivo local entende que estes dous novos vehículos poderían interferir no tráfico de acceso ao centro incrementando a súa conxestión, polo que os usuarios deberán facer transbordo ao transporte urbano en Catro Camiños.

Concretamente, a modificación dos servizos proposta pola Xunta prevé, tendo en conta esa desconformidade manifestada polo Concello da Coruña, que os usuarios fagan transbordo coas liñas 1, 1A e 4 do transporte urbano para completar os itinerarios que levan ao centro e á zona de Orillamar.

Para o funcionamento correcto do novo modelo, a Xunta tamén formulou unha optimización dos horarios das expedicións e a inclusión de novas paradas que permitan unha conexión máis áxil co transporte urbano.

As modificacións deseñadas supoñen adiantar ás 06,25 horas a saída da liña que une o Pazo da Merced, en Neda, co Campus de Riazor, na Coruña. Deste xeito, e coa próxima inclusión de paradas en Alfonso Molina, a Estación de Autobuses, Catro Camiños e no CHUAC, ampliaranse as posibilidades de conexión interior na cidade para os usuarios que chegan ou parten cara á área de Ferrol.

Esta modificación dirixida a traballadores e funcionarios continúa dando servizo aos estudantes do Campus de Riazor, que xa empregaban esta liña e permite, á vez, optimizar o funcionamento da conexión directa de Ferrol, Fene, Narón e Neda cos Campus de Elviña e da Zapateira.

Así, a expedición de ida desde Neda adiántase ás 06,50 e créase unha nova liña Ferrol-A Coruña (directo polo Campus), con parada nos Campus de Elviña e da Zapateira que atrasa a volta á saída das clases ata as 14,30 horas. Deste xeito, o servizo queda mellor adaptado ás necesidades dos universitarios. Ademais, inclúese unha expedición adicional ás 21,30 horas para atender a demanda existente.

Melloras nos concellos da área de Ferrol

As modificacións aprobadas este luns incorporan diversas melloras no transporte público que benefician os concellos da área de Ferrol, atendendo á demanda existente por parte dos usuarios e as peticións dos executivos locais.

Por unha banda, a Xunta atende a solicitude do Concello de Ares de dotar de mellores horarios á conexión entre Chanteiro e Ares. O servizo pasa agora a prestarse mediante o desvío das liñas Praza de Galicia-Ares-Mugardos.

Así, as expedicións de Chanteiro a Ares pasan a ser ás 09,40 horas de luns a venres e ás 10,00 horas os sábados e domingos. No sentido contrario, de luns a venres sairán de Ares ás 12,00 horas e nas fins de semana ás 13,00 horas. A modificación supón tamén un incremento dos servizos, que ata o momento non había os domingos.

Tamén no que respecta a Ares, adiántase ás 07,30 horas a saída dunha expedición desde a Praza de Galicia de Ferrol, como solicitaron usuarios que se desprazan desde esa localidade a Mugardos.

Outra das adaptacións incluídas ten como finalidade axustar os horarios do transporte público ás necesidades do alumnado dos institutos.

Así, créase un servizo directo na liña de Cruce Redes (Ares) ao IES de Mugardos para a entrada do centro. Para o os estudantes de Miño e Monfero que asisten ao instituto a Pontedeume engádese o servizo de tarde os martes mediante a inclusión dunha expedición máis que permite aos alumnos ir comer á casa.

Todas estas modificacións son froito do diálogo conxunto da Xunta cos Concellos e a empresa titular da concesión, así como do seguimento continuo que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén sobre o funcionamento do transporte público.

Os cambios que se implantan este xoves día 25 permiten manter o servizo optimizado para atender as necesidades da cidadanía.