A Xunta traslada os avances realizados en Galicia na Historia Social Única Electrónica ao Goberno da Comunidade de Madrid
Este sistema integra todos os datos relativos á atención social, o que facilita a coordinación entre todos os axentes que participan na súa xestión
Preto de 700 profesionais dos servizos sociais locais e da Administración autonómica galega empregan este sistema para acceder a 670.000 expedientes dixitais
O director xeral destaca que se trata dun logro que avanza cara a dixitalización dos servizos sociais e redunda no beneficio ao cidadán
A Xunta trasladou os avances realizados en Galicia na Historia Social Única Electrónica (HSUE) ao Goberno da Comunidade de Madrid. Foi durante unha reunión por videoconferencia entre o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e a viceconselleira de Políticas Sociales, Familias, Igualdad y Natalidad, Silvia Sánchez, e a directora xeral de Servicios Sociales e Innovación Social, Gemma Gallardo, do Executivo autonómico madrileño.
A HSUE é unha plataforma que integra todos os datos relativos á atención social das persoas beneficiarias do sistema galego de servizos sociais, o que facilita a coordinación de todos os axentes que participan na súa prestación. Entre outras vantaxes, este sistema emprega alertas e subscricións que avisan aos profesionais de calquera cambio no historial da persoa para que poidan actuar en consecuencia dunha maneira inmediata.
Así mesmo, a plataforma proporciona unha identificación unívoca dos cidadáns ao empregar a numeración da tarxeta sanitaria, e garante a seguridade no acceso á información a través do uso de certificado por parte dos profesionais, que accederán só aos datos e á información necesaria para o desenvolvemento do seu labor.
Durante os últimos meses, o Goberno galego conseguiu acurtar os tempos de tramitación das solicitudes gracias a esta plataforma. Un logro, sinalou o director xeral, que “avanza cara a dixitalización dos servizos sociais” e que “redunda no beneficio ao cidadán”.
670.000 expedientes dixitais
En total, preto de 700 profesionais dos servizos sociais locais e da Administración autonómica empregan xa a Historia Social Única Electrónica (HSUE), a través da que teñen acceso aos expedientes dixitais de 670.000 galegos. A día de hoxe un total de 311 concellos están adheridos á plataforma, que facilita a coordinación de todos os axentes implicados na prestación dos servizos sociais.
Desde o seu arranque, a Amtega e a Consellería de Política Social traballan de forma continuada na evolución e mellora da plataforma, incorporando novas funcionalidades, novos ámbitos de información e servizos. Ademais, avanzouse na integración da HSUE con outros sistemas como a interoperabilidade coa Historia Clínica, facilitando aos profesionais médicos implicados na avaliación da discapacidade o acceso a IANUS; e tamén cos sistemas de intermediación e orientación laboral do Sistema Público de Emprego de Galicia, posibilitando a solicitude de prestacións como a RISGA directamente desde a plataforma por parte dos profesionais sociais.