A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou na xuntanza entre administracións para abordar a situación do Porto da cidade

A Xunta traslada a súa “profunda decepción” pola falta de compromiso do Goberno de España co ferrocarril a Punta Langosteira, o futuro do Porto e a fachada marítima da Coruña

Ethel Vázquez valora negativamente que a xuntanza concluíse sen un horizonte temporal para a licitación das obras da conexión ferroviaria e que se anuncie agora o estudo do financiamento europeo tras tres anos co proxecto paralizado

Lamenta a negativa do Goberno de España a considerar a posibilidade da condonación da débeda ou axuda equivalente ao Porto, unha demanda do pleno do Parlamento galego e do pleno do Concello da Coruña

Sinala a falta de apoio por parte do Goberno á proposta de iniciar a urbanización dos espazos portuarios polos peiraos de Batería e Calvo Sotelo

Considera “un folio en branco” a comisión proposta polo Concello da Coruña para abordar o futuro do Porto, sen funcións e sen obxectivos concretos

Salienta que a xuntanza rematou “con máis incertezas das que había” sobre o futuro do Porto e a cidade, e reivindica o protocolo de 2018 polo que a Xunta se comprometeu a achegar 20 millóns de euros

A Coruña, 23 de febreiro de 2021

A Xunta trasladou hoxe a súa “profunda decepción” pola falta de compromiso do Goberno de España co ferrocarril a Punta Langosteira, coa viabilidade do Porto, co futuro do Porto e coa fachada marítima da Coruña.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou hoxe na xuntanza entre administracións para abordar a situación do Porto da cidade.

Neste encontro tamén participaron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz; o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González; o secretario xeral de Infraestruturas, Sergio Vázquez; a presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera; ou o presidente de Puertos del Estado, Francisco Toledo.

Vázquez Mourelle cualificou de “profundamente decepcionante” que o Goberno central non concretase hoxe un horizonte temporal para a licitación das obras da conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña. Lembrou que no ano 2018, o Goberno se comprometeu a licitar as obras como moi tarde no primeiro semestre de 2019.

A ese respecto, considerou inaceptable que se anuncie agora que se estudará a posibilidade de financiar esa conexión con fondos europeos, logo de case tres anos co proxecto paralizado. Segundo dixo, a solicitude de prórroga para a Declaración de Impacto Ambiental, que caduca o vindeiro mes de xuño, non pode ser unha escusa para gañar tempo e seguir atrasando a actuación.

Insistiu en que os trámites que restan para as expropiacións e a licitación das obras están claros e o Goberno de España leva case tres anos sen dar un paso para avanzar.

A conselleira tamén manifestou a decepción da Xunta ante a negativa do Goberno de España a considerar sequera a posibilidade da condonación da débeda ou axuda equivalente ao Porto da Coruña, unha demanda tanto do pleno do Concello da Coruña como do Parlamento galego.

Salientou que o Executivo autonómico tampouco atopou hoxe unha resposta respectuosa, comprensiva e sensible coa vontade da cidade de recuperar os terreos portuarios para o uso público, empezando pola integración urbana de Batería e Calvo Sotelo.

Ao respecto da comisión técnica proposta polo Concello para abordar o futuro do Porto, a conselleira considerou que se trata “dun folio en branco”, sobre o que descoñecen as funcións e obxectivos concretos.

A conselleira insistiu en lamentar que a reunión concluíse “con máis incertezas das que había” sobre o futuro do Porto e da cidade e reivindicou a vixencia do protocolo asinado en 2018, polo que a Xunta se comprometeu a achegar 20 millóns de euros para garantir a titularidade pública dos terreos portuarios.

Imaxes relacionadas