A Xunta de Galicia comeza a vacinación de 50.000 profesionais do ámbito educativo

Sanidade comeza a vacinación de xeito ordinario do conxunto de profesores e mestres da comunidade galega

Así mesmo, o vindeiro sábado iniciarase o cribado da poboación estudantil das tres universidades galegas

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia vén de anunciar o comezo do proceso de vacinación contra a covid-19 dos preto de 50.000 profesionais que exercen o seu labor na comunidade galega.

De acordo ás directrices establecidas polo Consejo Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde no seu Plan de Vacinación, e tras unha pilotaxe, Galicia iniciará mañá, de xeito ordinario, a vacinación dos profesionais da comunidade educativa galega, comezando polos docentes menores de 55 anos. Así, o Executivo galego ten previsto que a administración da primeira das doses remate a finais do mes de marzo.

Na compaña do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o responsable da carteira sanitaria da Xunta, Julio García Comesaña, precisou que os docentes serán citados polas áreas sanitarias daqueles concellos onde se emprace o seu centro educativo e que, as inoculacións, terán lugar nos diferentes hospitais da comunidade.

“Citaremos á comunidade docente por orde alfabética e non por centros, co ánimo de que o proceso de vacinación sexa compatible co desempeño do seu labor e así influír o menos posible na atención educativa”, salientou García Comesaña.

Pola súa banda, o conselleiro de Educación subliñou que “estamos diante dunha noticia notable para a comunidade educativa”. Así, remarcou que a Xunta priorizou a vacinación deste colectivo profesional “conscientes do importante papel que desempeñan”. Deste xeito, Galicia convértese nunha das primeiras comunidades autónomas nas que se está vacinando ao persoal educativo.

Cribado da poboación estudantil universitaria

O conselleiro de Sanidade tamén anunciou hoxe que durante os vindeiros días 27 e 28 de febreiro e, 1 e 2 de marzo, o Servizo Galego de Saúde realizará cribados ao conxunto do estudantes das tres universidades galegas. Deste xeito, García Comesaña informou que o estudantado universitario será citado no transcurso desta semana mediante un SMS, para acudir á realización dun test de antíxenos en dispositivos de alta capacidade.

Imaxes relacionadas