Medio cento de orquestras galegas benefícianse das axudas da Xunta polos efectos da covid-19

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria, cun investimento de 1M€, dirixida a este sector afectado pola pandemia

As empresas promocionarán o Xacobeo 2021-2022 dentro e fóra de Galicia e contarán cunha serie de actuacións polos distintos concellos

Santiago de Compostela, 18 de febreiro do 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da liña de axudas convocada pola Xunta de Galicia para apoiar a actividade das orquestras galegas, cunha inxección de 1 millón de euros da que se benefician medio cento de empresas deste sector. Con este apoio, o Goberno autonómico colabora nos gastos dos eventos que desenvolvan tanto en Galicia como fóra da Comunidade e impulsa que nas súas xiras e materiais se promova o Xacobeo 2021-2022.

As axudas outorgáronse en réxime de concorrencia competitiva, valorando, entre outras cuestións, o número de actuacións realizadas en Galicia e fóra dela durante o 2019 por contratos ou o número de compoñentes do elenco artístico e non artístico da orquestra. O Goberno autonómico contribuirá a sufragar gastos como o aluguer de equipos, locais, carpas ou similares, gastos directos dos artistas como salarios, viaxes ou dietas, así como calquera outro gasto relativo aos eventos que se programen.

A liña de axudas enmárcase na actual crise sanitaria ocasionada pola covid-19 e que incide directamente nestas empresas, cuxas actuacións se ven limitadas.

Para minimizar o impacto e favorecer a súa recuperación e reactivación, e na liña do que se vén facendo noutros sectores empresariais, o Goberno galego considera importante apoiar aos profesionais das orquestras tendo en conta o seu papel, o que servirá á súa vez como estratexia de promoción cultural e turística de Galicia. Esta medida dá continuidade ao traballo levado a cabo nos últimos meses pola Xunta de xeito transversal para impulsar ás empresas vinculadas co turismo e a cultura.

Esta convocatoria, a cargo da Axencia Turismo de Galicia, foi a primeira en convocarse no conxunto do Estado e forma parte da liña de colaboración neste eido establecida entre a Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Imaxes relacionadas