A Xunta envía aos órganos consultivos o informe para declarar Ben de Interese Cultural o xacemento de Adro Vello

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural completa un amplo traballo no que se recolle a importancia histórica, cultural e científica da zona

A información ten en conta o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude e que no lugar existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de ser estudados con metodoloxía arqueolóxica

A delimitación proposta inclúe, ademais da zona escavada, a área ata o outeiro granítico, a antiga fábrica de salgadura e a punta mariña que pecha a praia de Carreiro
 

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia enviou hoxe aos órganos consultivos o informe que permitirá incoar o expediente para declarar Ben de Interese Cultural (BIC) o xacemento romano do Adro Vello, situado no borde da praia do Carreiro, na parroquia de San Vicente do Mar no concello do Grove. Trátase dun amplo traballo elaborado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no que se recolle a importancia histórica, cultural e científica desta zona.

A información entregada ao Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega de Belas e a Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago establece que a elección deste xacemento para a súa posible declaración como Ben de Interese Cultural fundaméntase no seu interese científico e na súa importancia dentro do panorama arqueolóxico de Galicia, sendo o Adro Vello un dos xacementos máis sobranceiros no ámbito da Comunidade Autónoma. Neste sentido, o estudo subliña que a ampla secuencia histórica dos restos, así como o potencial desta área na que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de ser estudados con metodoloxía arqueolóxica, avalan o seu potencial como recurso científico de primeira magnitude e a súa relevancia e valor cultural destacado.

En canto á delimitación, a proposta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade inclúe, ademais da zona escavada, a área comprendida ata o outeiro granítico situado ao sur do xacemento, a antiga fabrica de salgadura e, polo leste, ata a punta mariña que pecha a praia de Carreiro. Así mesmo, proponse un contorno de protección que abranga a totalidade da enseada do Carreiro, sen que este afecte ao núcleo parroquial de San Vicente do Mar, que conta xa con protección patrimonial propia.

Ademais, o contorno plantexado polos técnicos adéntrase no mar até a liña de cons existente debido á potencialidade arqueolóxica desta enseada e ás numerosas referencias sobre a existencia de pecios afundidos baixo estas augas. Trátase dun contorno, tal e como indican, que garante a investigación, protección, contemplación e revalorización deste xacemento arqueolóxico no seu contexto.

Restos de época romana e altomedieval

O xacemento de Adro Vello presenta numerosos restos de época romana e atomedieval de gran interese arqueolóxico, científico e cultural. Concretamente, os restos existentes inclúen desde unha factoría romana de salazón e unha vila romana ata unha área de explotación de recursos mariños ou restos de estuco, cerámica e cantería. Conta tamén con restos dunha necrópole de inhumación con ata dez niveis de soterramento, dunha igrexa altomedieval de planta basilical e cabeceira cadrada, documentada historicamente a finais do século IX d.C., aínda que con presenza de pezas ornamentais anteriores de feitura visigoda. Tamén se documentaron restos dun conxunto defensivo baixomedieval (torre e cerca) e unha ara dedicada á deidade local Deverius.

Ademais da importancia para o estudo da época romana, esta zona tamén supón un punto estratéxico da tradición xacobea que foi obxecto de varias actuacións arqueolóxicas de escavación entre 1983 a 1990, baixo a dirección de José Carro Otero.