O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe no Porriño as instalacións da empresa Euro-Roca

Conde subliña a aposta que está a facer o sector da lousa e da pedra natural pola industria 4.0 para incrementar a súa capacidade loxística e produtiva

Pon Euro-Roca como exemplo desta aposta pola dixitalización e a diversificación, que contribúe a consolidar o liderado de Galicia como principal produtora en España de roca ornamental

Di que o sector da lousa e da pedra natural en Galicia está a vivir un proceso de transformación tecnolóxica que lle vai permitir apuntalar o seu nivel de competitividade non só con respecto ao conxunto do país, senón, tamén, internacionalmente

Euro-Roca é unha das empresas beneficiadas na última convocatoria da programa Innova Peme e, ademais, participa nun proxecto colectivo liderado polo Clúster do Granito que conta co apoio da Xunta a través do programa Proxectos 4.0 do Igape

O Porriño (Pontevedra), 17 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou hoxe a aposta que está a facer o sector galego da lousa e da pedra natural pola Industria 4.0 para incrementar a súa capacidade loxística e produtiva, co conseguinte impacto sobre a súa competitividade internacional. Así o manifestou nunha visita ás instalacións da empresa Euro- Roca, no Porriño, especializada na transformación de pedra natural.

Conde puxo Euro-Roca como exemplo do esforzo que esta industria está a realizar pola diversificación e a internacionalización a partir da I+D+i, que contribúe a consolidar o liderado de Galicia como principal produtora en España de roca ornamental. Segundo dixo, o sector da lousa e da pedra natural en Galicia está a vivir un proceso de transformación tecnolóxica que lle vai permitir apuntalar o seu nivel de competitividade non só con respecto ao conxunto do país, senón, tamén, internacionalmente.

Ao respecto, destacou que o traballo da Xunta pasa por apoiar ese necesario esforzo por innovar do que está dando mostras todo este sector e, nese sentido, apuntou que Euro-Roca é unha das empresas beneficiadas na última convocatoria do programa Innova Peme cun apoio de case 67.000 euros. Ten como proxecto crear unha unidade de I+D+i con dous obxectivos: optimizar a loxística interna coa automatización de procesos e o manexo de exoesqueletos en determinados postos de traballo, e desenvolver novos acabados superficiais para a pedra natural máis versátiles e competitivos.

Ademais, sinalou que a Xunta colabora con esta empresa nunha iniciativa impulsada polo Clúster do Granito a través do programa do Igape dirixido a Proxectos 4.0. En concreto, o Clúster do Granito desenvolve un proxecto colectivo que agrupa cinco empresas do sector entre as que se atopa Euro-Roca, que facturan en conxunto preto de 60M€ e dan emprego a 250 traballadores. O proxecto, bautizado como Skills for Stone 4.0 e que mobiliza un investimento público-privado que suma máis de un millón de euros, permite optimizar os procesos produtivos a través de tecnoloxías. Por exemplo: a robotización e optimización dos sistemas de transporte, a redución de stocks de materia prima e produto terminado e a monitorización de cada proceso en tempo real.

Conde concluíu subliñando que a Xunta quere acompañar e apoiar as empresas do sector ante este reto, porque a transformación dixital na industria é clave neste momento para unha recuperación sólida e resiliente da economía.

Imaxes relacionadas