Miranda anuncia o desenvolvemento dun novo obradoiro de lingua e cultura galega dentro da Aula GaliciaAberta

O secretario xeral da Emigración adiantou a través dunha videoconferencia emitida en directo a través do Facebook live de GaliciaAberta que a nova proposta comezará a emitirse o próximo xoves, día 18

As sesións correrán a cargo de Reverso Comunicación e transmitíndose pola mesma rede social luns e xoves ás 20 horas da tarde de España ata o próximo 13 de maio

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, anunciou a través dunha videoconferencia a incorporación dun novo obradoiro formativo ao programa Aula GaliciaAberta dedicado á lingua e a cultura galega.

A iniciativa, que consistirá en 25 obradoiros levados a cabo por Reverso Comunicación, será emitida a través do Facebook live de Galicia Aberta os luns e xoves de 20 a 21 horas de España dende o próximo 18 de febreiro e ata o 13 de maio. Ademais, ao remate da clase, a docente responderá ás cuestións que os alumnos vaian trasladando a través da propia plataforma de Facebook de cara a ir avanzando na formación.

Os obradoiros desenvolveranse cunha exposición inicial de 60 minutos sobre un tema que virá sempre a colación dun refrán inicial, ofrecendo unha guía gramatical e seguindo o material de apoio aportado anteriormente.

Os temas que se tratarán permitirán avanzar no idioma galego a través da presentación, da descrición de persoas, dos lugares, de escenas do pasado, de lendas, de oficios, de celebracións...

Todos aqueles que non poidan velo en directo terán a oportunidade de visualizalo posteriormente nas redes sociais da Secretaría Xeral da Emigración, e mesmo na súa web institucional, onde quedará colgado tan pronto finalice a actividade.

A presentación desta nova iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración realizouse a través dunha videoconferencia mantida entre o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e a docente que desenvolverá os obradoiros, Concha Diéguez, e que se retransmitiu a través do Facebook live de Galicia Aberta.

“O obradoiro centrarase na lingua e cultura galega, que sempre ocupou un lugar relevante nas comunidades galegas por todo o mundo. De feito, as entidades galegas espalladas polos diferentes lugares do planeta foron focos importantísimos de creación e difusión da nosa cultura e da nosa lingua e por onde pasaron moitos dos nosos escritores máis afamados”, explicou Rodríguez Miranda. “Grazas á comunidade galega do exterior, que deu o pulo á creación da Real Academia Galega en 1906, a nosa lingua iniciou o camiño cara á modernidade e mantivo activa a proxección de Galicia no mundo”.

Imaxes relacionadas