Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León piden liderar a Estratexia Nacional para a conservación do lobo ibérico

Defenden que os gobernos autonómicos dispoñen de maior información e dos coñecementos necesarios para controlar de xeito sostible a especie e garantir o equilibrio necesario na súa convivencia co sector gandeiro e a actividade humana

As catro comunidades ao norte do río Douro solicitan ao Ministerio de Transición Ecolóxica que reconsidere a súa postura e que teña en conta o criterio técnico das comunidades autónomas nas que habita esta especie, por acumular un maior coñecemento e experiencia na xestión

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda salienta que o rexeitamento á iniciativa do Goberno conta cun amplo respaldo, non só da comunidade económica, social e científica, senón tamén das rexións próximas, pois temen que unha aumento da protección do lobo provoque un crecemento desmedido da poboación e a súa expansión a outros territorios do país
 

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia, xunto con Asturias, Cantabria e Castela e León, solicita ao Goberno estatal liderar a estratexia nacional para a conservación do lobo ibérico. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez,–xunto co resto dos seus homólogos nas outras tres rexións ao norte do río Douro- trasladou esta tarde á ministra de Transición Ecolóxica e para o Reto Demográfico, Teresa Ribeira, que os gobernos autonómicos contan cunha maior información e cos coñecementos necesarios para controlar de maneira adecuada a especie e garantir o equilibrio necesario na súa convivencia co sector gandeiro e a actividade humana.

Así o trasladaron os conselleiros de Medio Ambiente das catro comunidades autónomas á ministra Teresa Ribera durante a reunión que celebraron por videoconferencia para analizar a situación do lobo ibérico en España. Tras escoitar a postura da ministra, os conselleiros de Medio Ambiente do catro comunidades autónomas trasladáronlle a preocupación do sector ante os efectos que pode provocar a inclusión do lobo ibérico na Listaxe de Especies de Protección Especial (LESPRE) e esixiron que reconsidere a postura do seu departamento e que teña en conta o criterio técnico das comunidades autónomas nas que habita esta especie, por que son as que contan cun maior coñecemento e experiencia na xestión da súa poboación.

Así, defenderon que Galicia, Asturias, Cantabria, e Castela e León deben ser as comunidades que lideren a estratexia nacional para a conservación do lobo ibérico porque, ademais de acumular á maioría de exemplares que existen en España, manexan unha ampla información científica de importante valor, froito dunha ampla experiencia na xestión da súa poboación e o respaldo técnico de expertos de recoñecido prestixio a nivel nacional.

Neste sentido, lembráronlle que esta mesma semana constituíron un comité técnico para coordinar -de maneira conxunta e desde a colaboración institucional, a cooperación e o consenso- as medidas e actuacións de xestión que levan a cabo cada unha das catro comunidades nos seus respectivos plans de xestión.

Ademais, recordaron que o rexeitamento á iniciativa do Ministerio (incrementar a protección ao lobo) conta cun amplo respaldo que vai máis aló do consenso social, científico e político que existe nas rexións ao norte, xa que outras autonomías -como o País Vasco ou a Comunidade Autónoma de Madrid- trasladaron recentemente o seu apoio á postura das comunidades loberas, ante o temor de que a falta de control que suporá a especial protección do lobo provoque un crecemento desmedido da poboación e a súa expansión a outros territorios do país.

Contactos co sector agrogandeiro

A conselleira de Medio Ambiente recordou que recentemente se ten reunido coas entidades que representan ás razas autóctonas galegas, así como coas asociacións profesionais agrarias, para informalas da situación e facelas partícipes dun problema co que conviven a diario e que, sen dúbida, terá consecuencias sobre o sector.

Estes colectivo trasladou o seu compromiso en colaborar coas medidas e accións que se impulsen desde a Xunta para frear á Orde ministerial e deixar sen efecto a decisión, porque os responsables do Ministerio teñen que coñecer de primeira man as inquietudes do sector, ante esta decisión unilateral do Ministerio; e as graves consecuencias que tería para miles de gandeiros.

Neste sentido, se o Estado non se retracta do seu plan, a inclusión no Lesrpe terá que vir acompañada, necesariamente, de axudas económicas do Ministerio á gandaría para compensar as perdas producidas polos ataques.

Por último, recordou que as políticas desenvolvidas pola Xunta nos últimos anos nesta materia teñen como obxectivo buscar a compatibilidade entre a existencia de manadas de lobos en Galicia e a supervivencia da gandaría extensiva, unha actividade económica clave para as zonas rurais, como fonte xeradora de alimentos de calidade e ferramenta eficaz na loita contra o despoboamento.
 

Imaxes relacionadas