Fernández-Tapias informa da nova convocatoria do programa de mellora e reforma enerxética de vivendas e edificios

A delegada territorial da Xunta en Vigo visitou hoxe o inmoble número 47 da rúa Camelias no que se restaurou a fachada e realizáronse melloras de accesibilidade

Segundo sinalou, ao abeiro destas axudas poderán subvencionarse actuacións de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, de uso de enerxías renovables e de mellora das instalacións de iluminación

Vigo, 15 de febreiro de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, visitou hoxe o inmoble número 47 da rúa Camelias, cuxa comunidade de propietarios resultou beneficiaria dunha axuda do Plan Estatal de Vivenda. Así, ao abeiro deste programa de mellora da eficacia enerxética e sustentación de vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas, restaurouse a fachada, reparouse a chaminea e realizáronse melloras de accesibilidade no edificio.

Neste marco, a representante autonómica informou da nova convocatoria de axudas do programa para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes, xa aberta e cun prazo ata o 31 de xullo para presentar as solicitudes. Segundo dixo Fernández-Tapias, esta liña de axudas, que serán xestionadas por primeira vez pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con 8,5 millóns de euros,

Os beneficiarios, que só poderán presentar as súas solicitudes por medios telemáticos, son os propietarios de vivendas e as comunidades de propietarios, que poderán acoller as incentivos para subvencionar actuacións de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, de uso de enerxías renovables, de mellora das instalacións de iluminación

En canto aos beneficiarios desta liña de subvencións, a delegada citou ás persoas propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de vivendas e locais existentes nestes últimos edificios; as comunidades de persoas propietarias ou as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, así como as persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código civil e non outorgasen o título constitutivo de propiedade horizontal.

Respecto ás actuacións subvencionables, detallou a mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, aquelas que teñen entre os seus obxectivos reducir a demanda enerxética; de uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e das instalacións de iluminación, é dicir, as luminarias, lámpadas e equipamentos; sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de acendido e regulación do nivel de iluminación.

Para o cálculo da contía subvencionable, haberá unha axuda base e unha adicional, que se determinará con base en tres criterios, como os criterios sociais (actuacións que se realizan en edificios de vivenda de protección pública; actuacións en inmobles situados en áreas de rehabilitación), a eficiencia enerxética e que se trate dunha actuación integrada (aplicarase a porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou máis tipoloxías de actuación).

Por último, as axudas deste programa son compatibles con outras axudas concedidas para o mesmo fin, sempre que non se supere o custe da actuación e as outras axudas concedidas non conten con cofinanciamento de fondos europeos. Nese sentido, o IGVS destinará un millón de euros á liña de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e accesibilidade en vivendas, recollidas no Programa de fomento da mellora de eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas Plan 2018-2021.

Pacto social pola vivenda

Facilitar o acceso a vivenda é precisamente un dos principais obxectivos do Pacto Social promovido pola Xunta nesta materia e asinado por un total de 10 entidades e colectivos representativos do sector en Galicia para mobilizar máis de 1.080 millóns de euros entre fondos públicos e privados a través de case 50 medidas e accións estratéxicas nos vindeiros cinco anos.

Concretamente daráselle un novo pulo á adquisición de vivendas protexidas con axudas de ata 20.000 euros. En canto ao alugueiro, lanzarase a modalidade de arrendamento con opción de compra para os menores de 35 anos, reformarase o programa de vivendas baleiras con axudas de ata 8.000 euros para os propietarios, e estableceranse novos instrumentos de colaboración entre a Xunta e as entidades sociais para paliar a exclusión residencial dos colectivos máis vulnerables.

En materia de rehabilitación e rexeneración dos espazos urbanos, seguirase apostando pola recuperación de inmobles xa construídos, sobre todo en núcleos rurais e concellos con saldo demográfico negativo, para os que tamén se porá en marcha un programa para facilitar aos concellos a dinamización e posta no mercado dos seus núcleos en estado de abandono.

Así mesmo, no relativo á estratexia para mobilizar máis solo residencial, primaranse aquelas ofertas para construír vivendas de protección autonómica, destinadas ás persoas e colectivos con maiores dificultades.

Neste sentido, Fernández-Tapias recordou que o orzamento da Xunta en materia de vivenda en Vigo ascende a 12 millóns de euros, e defendeu actuacións tan importantes nesta materia na cidade como a do Consorcio Casco Vello de Vigo ou as 1.600 vivendas de promoción autonómica previstas en Navia.

Imaxes relacionadas