Ábrese á participación cidadá o Plan de conservación do espazo natural de interese local río Abelleira, no Concello de Carral

A partir de mañá e durante un período de 20 días, aqueles colectivos e cidadáns interesados poderán presentar achegas para que sexan tomadas en consideración

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se abre un período de participación pública no procedemento de elaboración do Plan de conservación do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) Río Abelleira, situado no concello coruñés de Carral.

Durante un período de 20 días hábiles, a contar a partir de mañá, a cidadanía, os colectivos ambientais ou calquera persoa física ou xurídica interesada poderán achegar as consideracións e comentarios que consideren de interese para que sexan tidos en conta no procedemento de aprobación do devandito plan.

A Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade, define como espazos naturais protexidos aqueles que conteñan elementos ou sistemas naturais de particular valor, interese ou singularidade, tanto debidos á acción e evolución da natureza como derivados da actividade humana, e que fosen declarados como tales.

Por petición do Concello de Carral, a entón Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio (agora de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda) declarou de maneira provisional o Río Abelleira en febreiro do no 2017 como Espazo Natural de Interese Local, condicionando a súa declaración definitiva á presentación, por parte da Administración municipal, dunha proposta de Plan de conservación.

O documento base inicial do devandito Plan sométese agora á participación da cidadanía, abrindo o documento deste xeito a suxestións e achegas para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co medio ambiente.

Durante estes 20 días, poderase consultar o documento completo no seguinte enlace do portal de transparencia da Xunta, así como no apartado de documentos en información pública do portal de conservación da natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.