A Xunta inicia traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Couso no concello de Pontevedra
Augas de Galicia está a levar a cabo a actuación nun tramo deste río ao seu paso polo lugar do Couso, na parroquia de Xeve
Os labores céntranse na retirada das árbores e pólas caídas na canle que poden formar atoamentos, así como da madeira morta existente
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Couso, no concello de Pontevedra.
Concretamente Augas de Galicia leva a cabo traballos nun tramo do río ao seu paso polo lugar do Couso, na parroquia de Xeve.
As tarefas que se están a desenvolver céntranse na retirada das árbores e pólas caídas na canle que poden formar atoamentos, así como da madeira morta existente. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-sur.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.