O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde mantivo unha reunión co sector

A Xunta traslada ao comercio galego a súa vontade de consensuar medidas inmediatas que incentiven o consumo e impulsen a súa dixitalización

O obxectivo do Goberno galego é seguir ofrecendo o máximo respaldo ao comercio galego nun momento de tantas dificultades

As propostas van enfocadas a incentivar as compras no comercio de proximidade e favorecer a transformación dixital do sector, promovendo por exemplo a venda online

A vindeira semana ábrese tamén a segunda convocatoria do Plan de rescate para autónomos, microempresas, hostalería e outras actividades pechadas, que xa leva destinado ao comercio 9M€ para cubrir as máis de 4700 solicitudes recibidas
 

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado pola directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca, e o polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, mantiveron esta semana unha reunión coa Federación Galega de Comercio e as catro federacións provinciais para avaliar e consensuar o plan de medidas de apoio ao sector que a Xunta de Galicia vai poñer en marcha de xeito inmediato.

Consciente do impacto que está causando a pandemia no pequeno comercio, ao igual que noutras actividades da economía galega, a Administración autonómica mantense en contacto permanente con representantes do sector para escoitar e dar unha resposta rápida e eficiente ás súas necesidades máis urxentes.

O obxectivo do novo programa de axudas que prepara a Xunta de Galicia é, polo tanto, ofrecer o máximo respaldo ao comercio galego nun momento de tantas dificultades, actuando especialmente en dous ámbitos: incentivar o consumo no comercio de proximidade e impulsar a súa dixitalización, como por exemplo promovendo a venda online.

Conde lembrou que as novas axudas que se porán en marcha se suman aos apoios xa activados pola Xunta ata o de agora para o sector. Por un lado, aos 70 millóns de euros que se puxeron á disposición do comercio galego en forma de préstamos e apoios para adaptar os locais ás medidas de seguridade ou para formación e asesoramento. E, por outro lado, a través do Plan de rescate para autónomos, microempresas, hostalería e outras actividades pechadas, que xa leva destinado ao sector do comercio 9 millóns de euros para cubrir as máis de 4711 solicitudes recibidas por comerciantes.

Ata 24.200 euros de axuda

Durante a reunión tamén se informou de que a vindeira semana se abrirá o prazo para solicitar as axudas á segunda convocatoria deste Plan de rescate que, entre outras novidades, eleva a contía máxima das axudas a case 16.000 euros para as actividades máis afectadas polos peches e restricións que se tiveron que adoptar nesta terceira onda da pandemia; entre elas, o comercio. Deste xeito, un negocio ou establecemento que se beneficie das súas convocatorias podería recibir en catro meses desde 3400 euros ata un máximo de 24.200 euros.

Para acceder ás axudas, empresarios autónomos e microempresas deberán acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019. No caso da hostalaría e establecementos doutros sectores, bastará con que estivesen afectados polos peches e restricións que por mor da covid-19 se ordenaron no mes de xaneiro.

Para os autónomos establécese unha escala que vai dos 1.200 aos 3.000 euros de axuda directa. Para microempresas e persoas traballadoras autónomas con persoal ao seu cargo, os apoios irán dos 4000 aos 9000 euros. En canto aos establecementos hostaleiros e doutras actividades pechados por mor da pandemia desde xaneiro ofrécense axudas que van dos 1900 euros aos 3700 en función da duración da inactividade e do número de persoas empregadas.

Entre as dúas convocatorias do Plan de rescate para autónomos e microempresas, a Xunta mobilizará un total de 160 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados, o que sitúa a Galicia como a comunidade autónoma que máis apoios deste tipo aprobou ata o de agora. Non obstante, a Xunta de Galicia solicita que este debe ser un esforzo coordinado e ampliado por parte de todas as administracións, co Goberno de España á cabeza.
 

Imaxes relacionadas