A Xunta enxalza o carácter integrador da formación para o emprego e os apoios ao emprendemento no acompañamento á poboación galega retornada

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, reuníronse hoxe en Santiago de Compostela para abordar mecanismos de promoción do autoemprego e para a integración laboral das galegas e galegos retornados

A Xunta facilita a participación da poboación galega provinte do exterior en programas de inserción sociolaboral e de capacitación, para atraela profesionalmente

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe unha xuntanza co secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, cara a avanzar nas medidas que favorezan a inserción laboral dos galegos retornados. Ambos os dous representantes autonómicos subliñaron a efectividade demostrada dos programas de emprego nos que se incorporaron as medidas da Estratexia Retorno polo seu carácter integrador.

A Xunta está a desenvolver esta estratexia que busca, con carácter transversal, atraer ás galegas e galegos residentes no exterior -tanto ás persoas emigrantes como ós seus descendentes- e procurarlles unha cobertura integral das su´as necesidades.

Entre estas medidas, búscase facilitar a integracio´n laboral, aspecto para o que resulta fundamental, tal e como subliñou a conselleira de Emprego e Igualdade, “facilitar instrumentos de atracción profesional para a poboación galega residente no exterior; facilitar a súa participación nos programas de inserción sociolaboral ou reforzar a capacitación nas habilidades que demanda o mercado”.

“Neste camiño apostarase por accións transversais dirixidas a persoas galegas retornadas, especialmente a colectivos como a mocidade e as mulleres, e se intensificarán as medidas de apoio ao emprendemento e o autoemprego, en especial nas contornas rurais”, incidiu Lorenzana.

Dende a Secretaría Xeral da Emigración, o seu titular, Antonio Rodríguez Miranda, destacou que os programas de formación nos que participan as persoas retornadas “non só son eficaces, senón que ademais, son integradores. Axudan a que as persoas que chegan doutras contornas, poidan conseguir un emprego en Galicia e comezar unha nova vida na nosa sociedade. Con eles chegan os seus fillos e as súas familias, aumentando a nosa poboación e enriquecéndoa coa súa experiencia”.

Miranda engadiu que estas accións formativas en pro dos retornados no ámbito laboral, tanto no traballo por conta allea como propia, son das máis relevantes que se poden desenvolver respecto das familias retornadas porque ditas rendas do traballo son o sustento que garantirá a súa permanencia definitiva en Galicia.

Imaxes relacionadas