Xunta e Concello de Ferrol acordan intensificar a colaboración para a candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo un encontro telemático co alcalde, Ángel Mato, para reforzar as liñas de cooperación

Fixouse unha reunión técnica para o vindeiro mes de marzo que permita avanzar no expediente e coincidiuse na importancia de deseñar un ambiente de traballo coordinado coa implicación de todas as administracións
 

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021

A Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol acordaron hoxe intensificar a súa colaboración para avanzar na candidatura da cidade a Patrimonio da Humanidade. Así o abordaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, no encontro telemático que mantiveron para reforzar as liñas de colaboración en marcha.

Durante o encontro, o conselleiro comprometeu todo o apoio da administración autonómica para conseguir que a cidade acade o máximo recoñecemento outorgado pola Unesco. Referiuse ao traballo feito ata agora e subliñou que é momento de dar novos pasos coordinados cara o impulso da candidatura Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial.

Neste sentido, tanto o rexedor local como o conselleiro coincidiron na necesidade de deseñar un ambiente de traballo de cooperación que debe continuar cun proceso técnico sólido e rigoroso, para o que a Xunta mantén toda a súa colaboración. Por iso, fixouse un novo encontro para o vindeiro mes de marzo que permita que os técnicos podan avanzar no expediente da declaración.

“Na Xunta traballamos sempre coa man tendida ás administración locais e neste caso sabemos que o traballo coordinado será decisivo para Ferrol pero tamén para o conxunto de Galicia”, expresou Román Rodríguez. Como dixo, a cidade de Ferrol conta con importantes recursos patrimoniais diferenciadores que avalan a súa candidatura pero, engadiu, é clave seguir mantendo unha actitude de colaboración e coordinación na que estean presentes todas as institucións implicadas. Neste sentido, referiuse á importancia da implicación do Goberno do Estado neste proceso para contribuír de xeito unánime a este impulso.
 

Imaxes relacionadas