Medio Ambiente concede 69 subvencións a concellos e entidades locais para proxectos de mellora da xestión dos residuos

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, estivo hoxe en Carballo para coñecer o novo punto limpo móbil, unha das accións subvencionadas ao abeiro da orde convocada en 2020

Nos dous últimos anos, a Xunta axudou a financiar case un cento de actuacións relacionadas coa prevención, recollida e recuperación dos residuos domésticos

Tamén se seguirá traballando da man coas entidades locais para avanzar na eliminación de puntos de vertido incontrolados, cun investimento previsto por parte da Consellería para este ano de 1,2 millóns de euros

Carballo (A Coruña), 12 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está a colaborar con concellos e entidades locais de toda Galicia no financiamento de 69 proxectos e actuacións relacionadas coa xestión dos residuos de competencia municipal. Así o explicou esta mañá a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, que se desprazou ata Carballo para coñecer en persoa o funcionamento do novo punto limpo móbil municipal, adquirido polo Concello precisamente grazas a unha das subvencións outorgadas pola Xunta.

Tras lembrar que o Goberno galego convocou en maio do ano pasado unha orde de axudas para proxectos municipais destinados a implementar novas medidas de xestión no eido dos residuos, Sagrario Pérez explicou que unha vez analizadas todas as solicitudes, o departamento autonómico resolveu subvencionar con preto de tres millóns de euros un total de 69 actuacións, a executar entre as anualidades 2020 e 2021.

De feito, o punto limpo móbil de Carballo foi un dos proxectos escollidos, polo que o Concello recibiu unha axuda de 63.000 euros para costear o 100% do investimento necesario para a posta en marcha desta nova instalación de recollida de residuos especiais.

Trátase dun vehículo industrial con caixa volquete que incorpora unha plataforma elevadora traseira para máis de 200 Kg. Ademais, funciona como un servizo gratuíto de recollida a domicilio, porta por porta, polo que entre as vantaxes previstas cómpre subliñar que mellorarán as ratios de recollida dos residuos municipais, evitaranse os puntos de vertido incontrolado e darase un novo servizo á cidadanía tanto no rural como na zona urbana, para que poidan ter un sistema de recollida de voluminosos e residuos perigosos previa cita.

Dúas liñas de actuación

A orde de axudas convocada en 2020, de carácter bianual e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, establecía dúas liñas de actuación diferenciadas.

A primeira, na que se inclúen entre outras medidas a adquisición de instalacións móbiles para mellorar e ampliar os servizos prestados pola rede galega de puntos limpos fixos, está destinada a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización dos residuos domésticos, así como a posta a disposición da cidadanía de espazos de autorreparación e intercambio de obxectos e utensilios diversos (como mobles, roupa, pequenos electrodomésticos, etc).
No marco desta liña, a Consellería outorgou un total de 26 subvencións: 19 delas para a instalación e posta en funcionamento de puntos limpos móbiles e sete para implementar espazos de autorreparación e intercambio de obxectos.

A segunda liña ten como obxectivo financiar actuacións de prevención, recollida separada e valorización dos biorresiduos (que representan máis do 40% do peso de todo o lixo que se xera nos fogares), entre os que encaixarían proxectos para o fomento da compostaxe in situ e a recollida separada da fracción orgánica dos residuos a partir de contedores, elementos ou medios materias que contribúan a mellorar a cantidade e calidade deste servizo.

Con cargo a esta segunda liña, concedéronse oito axudas para a recollida separada da fracción orgánica e outras 35 para apoiar proxectos municipais relacionados co fomento da compostaxe in situ.

Grazas a este tipo de axudas, tal e como explicou a directora xeral, a Consellería de Medio Ambiente apoia e colabora coas entidades locais no exercicio das súas competencias en materia de xestión dos residuos de orixe doméstica. De feito, ás 69 subvencións concedidas ao abeiro da orde de 2020, cómpre engadir as 30 iniciativas que xa apoiara con máis de 800.000 euros a través da convocatoria de 2019, polo que só nos dous últimos anos xa son case 100 as axudas outorgadas a entidades locais co mesmo obxectivo.

En 2021, segundo dixo, a Xunta volverá apostar pola mesma vía de colaboración cos concellos en materia de residuos de competencia municipal, para o que está previsto convocar unha nova orde de axudas, enmarcada no Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia, e conforme ao establecido na Estratexia Galega de Economía circular 2020-2030 aprobada pola Xunta a finais de 2019.

Neste sentido e co mesmo obxectivo de avanzar na mellora do tratamento dos residuos domésticos, a directora xeral asegurou que a Xunta seguirá apoiando tamén aos concellos na eliminación dos puntos de vertido incontrolado para reverter a degradación ambiental que supoñen, especialmente os que se atopan en Rede Natura. Un obxectivo ao que, segundo indicou, a Consellería destinará este ano 1,2 millóns de euros.

Complementa, ademais, outras actuacións postas en marcha tamén pola Xunta para a dotación de contedores específicos destinados á fracción orgánica ou á recollida selectiva de envases lixeiros, papel e cartón ou vidro, así como o desenvolvemento de proxectos demostrativos de preparación para a reutilización, ou a implantación da compostaxe en áreas educativas e nos grandes xeradores de residuos.

Imaxes relacionadas