A Xunta incrementou máis de 130.000 horas anuais de SAF en 12 concellos da comarca de Ferrolterra, nos que atenden a 922 persoas
Gonzalo Trenor participou nun encontro de traballo co alcalde de Mugardos, Domingo Deus
O delegado da Xunta destacou que o aumento de horas no Servizo de Axuda do Fogar está permitindo atender a todas as persoas que precisan deste recurso
Os concellos de Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cerdido, Fene, Moeche, Mugardos, Narón, Pontedeume, As Pontes e Valdoviño viron aumentar o seu número de horas asignadas
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo esta mañá unha reunión de traballo co alcalde de Mugardos, Domingo Deus, durante a cal lle informou do plan de reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). O incremento das horas asignadas para o financiamento do servizo, dirixido a persoas en situación de dependencia recoñecida, en máis dun millón de horas anuais está permitindo atender a todas as persoas que se atopan á espera da asignación efectiva do recurso.
No caso de Mugardos, o delegado destacou que a Xunta aumentou en máis de 6.996 as horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) postas a disposición do Concello, ata superar as 26.088 horas anuais. Hoxe este municipio atende a 69 persoas a través deste servizo.
Respecto á comarca de Ferrolterra, Gonzalo Trenor informou que o plan de reforzo se traduciu nun incremento de máis de 390.000 horas anuais para os concellos Ares, Cabanas, A Capela, Cariño, Cerdido, Fene, Moeche, Mugardos, Narón, Pontedeume, As Pontes e Valdoviño. O incremento permitiu a estes municipios pasar das 558.166 horas de que dispoñían ata o momento ás 688.572 horas coas que contan na actualidade. En total, estes 12 concellos atenden a 922 persoas e contarán con marxe para incrementar o servizo en 2021 se fose necesario.
O representante da Xunta na Coruña destacou, así mesmo, que a Consellería de Política Social vén de incrementar en 10 millóns de euros o investimento destinado ao SAF, que en 2021 ascenderá a un total de 83,6 millóns de euros. Na provincia este incremento levouse a cabo en 51 concellos, o que significa un aumento nestes municipios de preto de 685.000 horas anuais ata chegar a un total de máis de 4,3 millóns de horas ao ano e 4.133 usuarios.
Implicación do Goberno central
Trenor lembrou que nestes momentos en Galicia invístense nas persoas dependentes un total de 400 millóns de euros ao ano, dos que máis de tres cuartas partes —o 76%— veñen das arcas autonómicas, e só o 24% restante proceden da Administración xeral do Estado.
O representante do Goberno autonómico lembrou que Galicia e as demais comunidades autónomas levan anos solicitando o cumprimento da Lei respecto á parte do financiamento que corresponde ao Goberno central.
Aínda que o Goberno galego valora positivamente o incremento da achega anunciado polo Executivo central, esta contía segue a estar moi lonxe do cofinanciamento que marca a lexislación e que establece que asuma o 50% do gasto total. Neste sentido, apuntou que coa implicación de todas as Administracións poderase seguir incrementando a atención e os servizos destinados ás persoas dependentes e ás persoas con discapacidade.
CONCELLO | HORAS ANUAIS ANTES DO INCREMENTO | INCREMENTO DE HORAS ANUAIS | HORAS ANUAIS ACTUAIS | Nº USUARIOS |
Ares | 45.876 | 3.432 | 49.308 | 87 |
Cabanas | 17.556 | 4.944 | 22.500 | 34 |
Capela, A | 14.484 | 2.076 | 16.560 | 30 |
Cariño | 38.652 | 14.856 | 53.508 | 54 |
Cerdido | 13.056 | 2.388 | 15.444 | 33 |
Fene | 59.772 | 17.856 | 77.628 | 111 |
Moeche | 6.108 | 24 | 6.132 | 18 |
Mugardos | 19.092 | 6.996 | 26.088 | 43 |
Narón | 155.064 | 49.236 | 204.300 | 234 |
Pontedeume | 42.732 | 5.532 | 48.264 | 57 |
Pontes de García Rodríguez, As | 91.224 | 16.620 | 107.844 | 135 |
Valdoviño | 54.900 | 6.096 | 60.996 | 86 |
TOTAL | 558.516 | 130.056 | 688.572 | 922 |