O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, respondeu hoxe a dúas preguntas dos grupos no Pleno da Cámara

A Xunta reitera o seu ofrecemento ao Goberno para colaborar nos problemas industriais provocados en Galicia pola falta dunha transición enerxética xusta

Conde lembra que, no caso concreto da central das Pontes, a Xunta segue apoiando o uso de biocombustibles para que sexa viable economicamente

Demanda a mesma implicación por parte de Endesa e do Goberno, ao que solicita que non autorice o peche da planta ata que se atope unha solución industrial

O Goberno galego leva destinado ao sector do comercio un total de 70 M€ nos diferentes programas de axudas e liñas de financiamento que se puxeron en marcha desde a Vicepresidencia segunda cando se iniciou a pandemia

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reiterou hoxe o ofrecemento da Xunta a colaborar co Goberno para solucionar os problemas industriais xerados pola falta dunha transición enerxética xusta para Galicia e que afectan de maneira especial á comarca de Ferrolterra. En resposta a unha pregunta parlamentaria no Pleno da Cámara, Conde insistiu en que o Executivo central ten que rectificar e traballar nunha folla de ruta clara e definida en coordinación coas comunidades autónomas.

O vicepresidente económico lembrou que, no caso concreto da central das Pontes, a Xunta segue disposta a colaborar para que o uso de biocombustibles sexa viable economicamente, pero demandou a mesma implicación por parte de Endesa e do Goberno, ao que solicitou que non autorice o peche da planta ata que se atope unha solución industrial. Segundo dixo, é a única vía para garantir os postos de traballo non só na planta, senón tamén os da industria auxiliar e os transportistas.

Mantemento do emprego

A Administración galega xa enviou unha proposta á consulta pública convocada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica solicitando que a concesión dos nos de rede afectados polo peche de térmicas sirva para incentivar a implantación de proxectos nos territorios que perden tecido empresarial e para blindar o emprego nestas zonas onde se poxa a capacidade de acceso á rede de transporte.

Neste contexto, xunto aos traballadores da central das Pontes, os de Siemens nas Somozas tamén esperan unha resposta por parte do Goberno; ao igual que o conxunto da industria hiperelectrointensiva galega –con Alcoa San Cibrao á cabeza–, a que está instalada no litoral ou a industria naval de Ferrol.

Pola contra, os oito proxectos que abrangue o Polo para a Transformación de Galicia –que promove a Xunta da man de 30 empresas e centros tecnolóxicos galegos–, son un claro exemplo do compromiso de Galicia cunha transición enerxética xusta e co foco posto nas enerxías renovables. Iniciativas, abundou, que mobilizarán 3300 millóns de euros de investimento público-privado en tres anos e que contemplan, por exemplo, unha planta de produción de hidróxeno verde nas Pontes, en colaboración con Reganosa, e o desenvolvemento de 1000MW de nova potencia renovable eólica e solar.

Axudas ao comercio

No transcurso do Pleno, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación tamén abordou a situación pola que atravesa o sector do comercio en Galicia polo impacto da pandemia, así como as medidas da Xunta para mitigar o seu efecto.

A Vicepresidencia segunda e consellería de Economía, Empresa e Innovación leva destinado a este sector un total de 70 millóns de euros nos diferentes programas de axudas e liñas de financiamento que se puxeron en marcha desde que se iniciou a pandemia. Axudas para outorgar liquidez, impulsar a dixitalización ou implantar os protocolos de seguridade. Nese sentido, Conde avanzou que a Xunta seguirá traballando co sector do comercio para deseñar novas medidas que contribúan á súa reactivación.

Ademais, subliñou que o Plan de rescate aprobado pola Xunta recolle entre as dúas convocatorias máis de 160 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados, das que se poden beneficiar os comerciantes. Este plan, que prioriza a axilidade nas axudas, mellora as exixencias requiridas polo Goberno, posto que poden acceder a el os autónomos e as microempresas galegas cun descenso na facturación do 45% fronte ao 75% fixado polo Estado para acceder á prestación extraordinaria por cese de actividade.