Medio Ambiente e o Concello de Quiroga analizan posibles vías de colaboración para mellorar servizos básicos no municipio

A conselleira Ángeles Vázquez reuniuse co rexedor Julio Álvarez para abordar varios proxectos municipais relacionados con áreas da súa competencia

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello de Quiroga estudarán a posibilidade de colaborar economicamente para mellorar a dotación de servizos básicos neste municipio lucense. No transcurso dunha xuntanza telemática celebrada esta tarde, a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Julio Álvarez trataron este e outros asuntos de interese municipal relacionados coas súas áreas de competencia.

En concreto e con relación á mellora dotacional proposta polo alcalde, Vázquez Mejuto trasladoulle que nos orzamentos do seu departamento para este ano hai reservados máis de 7,4 millóns de euros para actuacións destinadas tanto a crear ou mellorar equipamentos municipais, como a acadar a humanización e posta en valor das contornas urbanas.

De feito, avanzoulle que o próximo mes de marzo convocarase unha nova orde de axudas dotada con 2,3 millóns de euros para actuacións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 20.000 habitantes, polo que Quiroga podería acollerse á mesma. A convocatoria, de carácter bianual, reservará 1,3 millóns a financiar actuacións municipais este ano e outros 950.000 euros quedarán para o vindeiro exercicio.

Cómpre lembrar que a Xunta de Galicia leva unha década colaborando coas entidades locais a través do chamado Plan Hurbe na execución de intervencións e proxectos urbanísticos como o que propón o Concello de Quiroga que contribúan a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso común e colectivo.

Así, desde a posta en marcha do programa no ano 2010, o Goberno autonómico executou xa ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de concellos, mobilizando con elas un investimento total de 148,96 millóns de euros.

De feito, o Concello de Quiroga foi unha das entidades locais que se beneficiaron do Plan Hurbe nos últimos anos. Así, en 2016 asinou un convenio coa Consellería para acometer a remodelación de varios espazos públicos urbanos no municipio, cun investimento de 110.532 euros. E tres anos despois, en 2019, acudiu á mesma fórmula para executar unha actuación de mellora e humanización de espazos públicos, adxudicada por 53.845 euros e rematada a finais do ano pasado.

Imaxes relacionadas