A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia co alcalde, Francisco Ferreira, para presentar as actuacións propostas

Ethel Vázquez avanza un investimento da Xunta de 2,6 M€ para reducir o risco de inundacións nos ríos Zamáns e Miñor en Gondomar

Trátase dun conxunto de actuacións para mellorar a drenaxe na confluencia destes ríos no municipio, recollidas no convenio remitido a semana pasada ao Concello

Prevese a construción dunha nova ponte sobre o río Miñor na estrada PO-340, a principal actuación e a que acapara o maior investimento, case 1,4 M€

Proponse a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos, así como actuacións nos muros do río Zamáns e o rebaixe do río Miñor

Tamén se inclúe a adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares, a limpeza dos leitos e a recuperación do bosque de ribeira

A Xunta financiará integramente todas estas actuacións, correspóndelle ao Concello a posta á disposición dos terreos, a obtención das autorizacións necesarias e o mantemento e conservación unha vez executadas as obras

A conselleira agarda axilidade no visto e prace ao convenio por parte do Concello para poder licitar as obras a mediados deste ano 2021

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe un investimento da Xunta de 2,6 millóns de euros para reducir o risco de inundacións nos ríos Zamáns e Miñor, en Gondomar.

Vázquez Mourelle, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha reunión por videoconferencia co alcalde, Francisco Ferreira, para presentar as actuacións previstas para minimizar as posibles consecuencias do desbordamento dos ríos nesta zona cualificada como de risco potencial significativo de inundacións.

A conselleira salientou que se trata dun conxunto de actuacións, unhas principais e outras complementarias, que a Xunta propón levar a cabo para mellorar a drenaxe na confluencia destes ríos ao seu paso por Gondomar, incluídas na proposta de convenio de colaboración remitido a semana pasada ao Concello.

Explicou que son intervencións estruturais no treito do río Miñor, entre a ponte situada na avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do colexio- e a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns, desde a ponte que hai na avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor.

Ethel Vázquez concretou a proposta de demolición da ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dunha nova estrutura no río Miñor sobre a estrada autonómica PO-340, de case 85 metros de lonxitude e con tres vanos. Está será a principal actuación e tamén a que suporá o maior investimento, case 1,4 millóns de euros.

Tamén se propón a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor para que funcione a modo de desaugüe complementario no caso de episodio de inundacións; así como actuacións nos muros do río Zamáns, elevando a altura do valo existente e executando outro muro pantalla que substitúa ao actual, que está danado.

Ademais, actuarase no rebaixe do río Miñor e adecuarase a zona, eliminando o recheo xunto ao campo de fútbol na marxe esquerda, con actuacións nos paseos, accesos ás pasarelas e outras adaptacións necesarias para mellorar a accesibilidade.

A conselleira indicou que a estas intervencións principais sumaranse outras actuacións complementarias, como a adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares, a limpeza dos leitos de ambos os ríos e a recuperación do bosque de ribeira.

A Xunta xa lle trasladou ao Concello de Gondomar a proposta de colaboración, que segue o mesmo esquema que se segue en todos os organismos de conca en España para este tipo de actuacións. Segundo a proposta de convenio trasladado, a Administración autonómica asumirá o financiamento íntegro de todas as actuación previstas, correspondéndolle ao Concello de Gondomar someter o proxecto a información pública, a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios e conseguir as autorizacións precisas, así como recibir as obras e asumir o seu mantemento e conservación, unha vez executadas.

Ethel Vázquez puntualizou que para acometer estas actuacións se precisa da colaboración do Concello, polo que a Xunta agarda que este dea axiña o visto e prace ao texto do convenio remitido para poder tramitalo e elevalo ao Consello da Xunta para a súa aprobación, e proceder á súa posterior sinatura entre Xunta e Concello.

A este respecto, a conselleira puxo o acento na importancia de que o Concello poida axilizar a tramitación municipal correspondente para o desenvolvemento destes traballos, que están cofinaciados con Fondos FEDER 2014-2020 e que deben estar executados na súa totalidade en 2023.

Apuntou que, tras remitir o proxecto definitivo ao Concello e unha vez este realice a tramitación municipal correspondente, o obxectivo da Xunta é poder licitar as obras a mediados deste 2021. Os traballos contan cun prazo de execución de 12 meses.

Mellor preparados ante o cambio climático

Ethel Vázquez lembrou que estas actuacións se enmarcan na liña de traballo que vén desenvolvendo o Goberno galego de cara a estar mellor preparados ante o cambio climático. Incidiu na necesidade destas medidas para reducir o risco de inundacións dos ríos, como o Miñor e Zamáns, que atravesan Gondomar e, tamén para reducir as consecuencias que para a saúde, o medio ambiente ou a economía, poden supoñer as enchentes ocasionais dos leitos fluviais.

No marco desta liña de actuación, desde a Xunta estanse a actualizar os mapas de risco de inundacións da demarcación hidrográfica Galicia-Costa; estanse a desenvolver plans específicos de inundacións en 9 zonas fluviais de Galicia con maior risco de inundacións; e a acometer actuacións concretas nas áreas de risco potencial significativo de inundacións, como as que ten previsto desenvolver en Gondomar.

Imaxes relacionadas