A Xunta suma o apoio das entidades gandeiras de razas autóctonas para evitar que o estado aumente a protección actual do lobo

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse esta mañá con representantes dalgunhas das asociacións representativas do sector en Galicia para explicarlles a situación e os próximos pasos a dar fronte á decisión de incluír o lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial

O Goberno galego e o sector advirten de que prohibir totalmente as accións cinexéticas como medida de control puntual da especie romperá o equilibrio entre a súa presenza na comunidade e a actividade gandeira en extensivo

En caso de que o Ministerio impoña o seu criterio sobre o das comunidades ao norte do río Douro, Galicia esixirá que a medida veña acompañada de compensacións económicas polo impacto que terá para o sector da gandaría
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2021

Entidades gandeiras que representan algunhas das principais razas autóctonas de Galicia sumáronse hoxe á Xunta no seu rexeitamento á intención do Goberno central de incluír as poboacións de lobo ao norte do río Douro no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (Lesrpe).

A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, reuniuse esta mañá por videoconferencia con representantes de Boaga, Asoporcel, Puraga e Ovica para trasladarlles os últimos acontecementos con relación a este asunto, así como os próximos pasos a dar desde a Xunta, en coordinación co resto de comunidades afectadas (Asturias, Cantabria e Castela e León), para tratar de impedir que o Estado faga efectiva a medida.

Cómpre lembrar que durante a Comisión Estatal de Patrimonio Natural e da Biodiversidade que se celebrou a semana pasada saíu adiante, por unha marxe de votos moi axustada, a proposta do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de incrementar o nivel de protección do lobo ao norte do río Douro, a través da súa inclusión no Lesrpe.

Esta decisión, como explicou Belén do Campo, carece de fundamento técnico ou científico, choca coas competencias autonómicas en materia cinexética e suporá un grave problema de xestión para Galicia e o resto de comunidades ao norte do Douro, que albergan máis do 95% dos lobos de toda España. Por este motivo, avanzoulles que a Xunta esixirá do Estado unha rectificación con todos os mecanismos ao seu alcance, sen descartar acudir á xustiza.

Durante a xuntanza, tanto a directora xeral como os representantes das asociacións coincidiron en que outorgarlle ao lobo en Galicia unha maior protección da que xa ten rompería o actual equilibrio entre a conservación desta especie e o mantemento das razas autóctonas en extensivo xa que suporía, na práctica, a prohibición xenérica da súa caza, impedindo autorizar accións cinexéticas en casos taxados e tras constatar danos. Por iso, as entidades gandeiras ofreceron o seu apoio e respaldo á Xunta nas súas reivindicacións.

Neste sentido, do Campo lembrou que desde hai unha década Galicia conta cun Plan de xestión do lobo que garante a viabilidade da especie, é dicir, mantense a poboación estable ao tempo que se compatibiliza coa gandería extensiva e a viabilidade das explotacións.

Pola contra, a decisión do departamento que dirixe Teresa Ribera é totalmente contraria ao obxectivo da Xunta e ás políticas que estivo poñendo en práctica con éxito nos últimos anos, establecendo medidas preventivas e de compensación polos danos provocados por esta especie e con controis que, lembrou, só se autorizan en casos taxados e sempre baixo as directrices establecidas no propio Plan de Xxstión do lobo en Galicia .

Axudas do Estado para compensar os danos sobre o gando

En todo caso, se finalmente se eleva o nivel de protección desta especie en contra do criterio de Galicia, Asturias, Cantabria e Castela e León, Belén do Campo defendeu que o Estado deberá acompañar a medida das correspondentes compensacións económicas polo impacto que terá, con toda seguridade, para o sector gandeiro.

De feito, advertiu que no caso de Galicia tense constatado un incremento significativo dos danos producidos polo lobo. Así, entre 2014 e 2019 o número de avisos por este tipo de ataques experimentou un aumento do
126% (pasando de 618 a 1.397 avisos neste período).

Neste sentido, lembrou que a Xunta leva máis dunha década convocando con periodicidade ordes de axudas dirixidas tanto a previr como a paliar os danos que ocasionan estes animais na comunidade, un esforzo que considera que o Estado tamén deberá asumir se limita a capacidade que teñen os respectivos Gobernos autonómicos para autorizar medidas puntuais de control destas poboacións.

Así, cómpre subliñar que en 2020 a liña de axudas autonómica para previr ataques de lobo estivo dotada de 230.000 euros, incrementándose este ano ata os 300.000 euros; mentres que a orde de axudas da Xunta para compensar os danos provocados por esta especie mobilizou 400.000 euros o ano pasado e disporá de 646.224 euros na convocatoria actual.
 

Imaxes relacionadas